O CONCELLO DE NIGRÁN CONFIRMA A ESTREA DO ‘VIBRA GAIFAR’ DO 9 AO 11 DE XUÑO COA PRESENZA DE 7 GRUPOS LOCAIS
Groovin Folks, San Rockers e La Patrulla abren o festival a noite do venres seguidos o sábado por Cubo Metálico e The Mirror e o domingo en sesión vermú por Blue Monk e Moon Cresta
Fiel ao compromiso de cultura inclusiva, o Concello disporá das cinco mochilas vibratorias para o uso das persoas xordas
Nigrán, 01.06.23.- O Concello de Nigrán estrea do venres 9 ao domingo 11 de xuño o seu primeiro festival ‘Vibra Gaifar’, adicado íntegramente a grupos con raigame no municipio e co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos (antes tivera que ser aprazado en maio por mor da choiva). Un total de sete formacións, Groovin Folks, San Rockers e La Patrulla o abrirán a noite do venres seguidos o sábado por Cubo Metálico e The Mirror e o domingo en sesión vermú por Blue Monk e Moon Cresta. Todos os concertos terán lugar no espazo municipal de Gaifar (Panxón) e a entrada é de balde.
O obxectivo primordial deste evento é por unha banda, “quecer motores” para a tempada de verán, e por outra, dar aos grupos locais e emerxentes unha oportunidade de amosar o seu traballo no mellor dos escenarios posibles e co seu público máis comprometido: a veciñanza de Nigrán. Os asistentes, ademais, de dispor no mesmo recinto dunha cafetería poderán gozar de comida elaborada en diferentes food-truks.
Fiel ao compromiso de cultura inclusiva, o Concello disporá das cinco mochilas vibratorias para o uso das persoas xordas, así, os interesados en empregalas deben solicitalas previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675.
O festival, con concertos de 1 hora, arrancará o venres 9 ás 20:00 horas con Groovin Folks e a continuación San Rockers e La Patrulla. O sábado 10 ao os protagonistas serán Cubo Metálico (21:30 horas) e The Mirror (23:00). O festival remata o domingo 11 con Blue Monk ás 11:30 horas e Moon Cresta ás 13:00 horas.