“Vaya Falta Mari Carmen” repite en Nigrán

O II Trofeo Concello de Nigrán de Fútbol Praia, celebrado o pasado fin de semana no recinto deportivo Nigrán Area, acolleu a máis de 200 deportistas de toda Galicia. Os mellores equipos do último campionato galego medíronse entre si e con outros equipos participantes da zona de Nigrán e o Val Miñor. Ao final, o equipo que fai tan só un mes proclamouse campión galego na praia de Samil, “Vaia Falta Mari Carmen”, repetiu na cita de Panxón.

O numeroso público que se achegou ás bancadas de Nigrán Area durante todo o fin de semana puido gozar dun torneo, e especialmente dunha fase final, moi igualada, que destilou moita emoción até os últimos minutos de case todos os partidos. En semifinais, os vixentes campións galegos non perdoaron a opción de progresar e endosáronlle un 10-5 a “Florida Gym”. Máis problemas tivo “Mambo Dermeyes” para certificar o seu pase, posto que empatou a oito goles nun partido vibrante ante “Tercer Tiempo”, o cal finalmente se decidiu na quenda de penaltis cun axustado 3-2.

Xa na gran final, os dous contendentes fixeron honra á súa traxectoria, resultando equipos moi difíciles de roer, o que supuxo unha final enormemente igualada. Nos últimos minutos, os campións galegos resolveron até facerse cun marcador final de 4-3, que lles permitiu levantar o trofeo Concello de Nigrán no evento deportivo do verán.

Nigrán Area non descansa e xa se prepara para acoller a traca final do Campionato Galego de Balonmán Praia 2013, que se celebrará os próximos días 24 e 25 de xullo, coincidindo co Día de Galicia. As inscricións pódense tramitar a través da web www.verandeportivo.com.