Valverde inaugura o novo punto de información do Centro Juan María na Ramallosa

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, presidiu a inauguración do novo punto de información do Centro de Juan María, que permanecerá aberto en horario de 10.00 a 13.30 horas os meses de verán, estando o horario do resto do ano a determinar. O acto contou tamén coa presenza da deputada provincial, Marta Igrexas, a Xefa de Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Solíns Otero, o presidente do centro, José Santoro, así como gran parte do cadro de persoal de usuarios e profesionais do Juan María.

A caseta, instalada na contorna do parque infantil da Ramallosa, actuará ao tempo como punto de información e venda de produtos elaborados polos propios usuarios do centro, e ten como fin dar visibilidade na contorna á actividade e os servizos que ofrece o centro Juan María, “que non son outros que dar apoio, formación e oportunidades a persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra”, sinalou na súa intervención o presidente do centro.

Un grupo de autogestores do Juan María presentaron de forma máis detallada este labor, “persoas adultas con discapacidade intelectual que se reúnen periodicamente nas instalacións de Parada para adquirir habilidades de comunicación, alcanzar maior autonomía persoal e social, aumentar as súas posibilidades de decidir por si mesmas, debater sobre asuntos que lles incumben, e poder participar na vida asociativa”, puntualizou.

Pola súa banda, o rexedor municipal subliñou o importante labor que desde hai décadas realiza o Centro Juan María, “non só coas persoas con discapacidade intelectual senón tamén coas súas familias e amigos, axudando a mellorar a súa calidade de vida e a da súa contorna máis próxima”. Así mesmo, anunciou que o goberno municipal seguirá colaborando con esta entidade e apuntou á inauguración do punto de información como mostra diso, “a través do cal poderemos dar a coñecer no municipio e na comarca o voso traballo diario”, concluíu.