A actualización do padrón municipal acometida polo goberno municipal o pasado ano está a xerar dúbidas relativas á taxa de recollida de lixo, especialmente entre hostaleiros, comerciantes e propietarios de negocios. Con tal motivo, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, iniciará nas próximas semanas unha rolda de reunións informativas sobre esta cuestión.
A posta ao día do padrón municipal, que facía máis de 20 anos que non se actualizaba, permitiu incorporar contorna a un milleiro de novos contribuíntes, así como a actualización das dimensións reais actuais de moitos locais e establecementos, que poden variar desde o último censo. “É precisamente esta circunstancia a que podería estar a xerar dúbidas sobre a taxa de recollida de lixo, e que espero aclarar nas reunións”, avanza Valverde.
Neste sentido, o rexedor municipal aclara que os criterios a considerar á hora de calcular a taxa de recollida a abonar -o tipo de inmoble, as dimensións do mesmo e a actividade- están claramente tipificados na ordenanza municipal, e non sufriron ningunha modificación.
“Atendendo a estas circunstancias, caben tres opcións. Que a actualización do padrón manteña as dimensións que xa constaban, polo que non se produce ningunha variación na taxa; que a actualización do padrón detectase un incremento nas dimensións dos locais e establecementos respecto do censado anteriormente, polo que o propietario terá que tributar polas dimensións actuais; ou que se produciu un erro, suposto no que se deberá proceder a recorrer o recibo da taxa”, explica o rexedor municipal.
Neste sentido, Valverde lembra que o goberno municipal non realizou ningún aumento na taxa de recollida de lixo, máis aló da subida dun 3% en 2012, incremento contemplado no Plan de Saneamento Económico aprobado en 2009 pola anterior corporación. “Como avanzamos hai uns meses, conxelamos taxas e impostos para este 2014, co fin de non gravar a presión fiscal sobre os veciños, comerciantes, hostaleiros e empresarios de Nigrán”, apunta.
Participación
Os empresarios, hostaleiros ou propietarios dalgún negocio en Nigrán interesados en participar nestas reunións deberán enviar un correo electrónico a secretariap@nigran.org, facilitando datos de contacto e información do local, chamando ao teléfono 986 38 39 30, ou a través do Facebook Concello de Nigrán.