Valinox Novás VS Cisne: II Trofeo Concello de Nigrán

OS CLUBES DE BALONMÁN VALINOX NOVÁS E CISNE DISPUTAN
ESTE VENRES NO PAVILLÓN MUNICIPAL O ‘II TROFEO CONCELLO
DE NIGRÁN’

A competición amizosa entre dous dos clubes máis senlleiros de Galicia será ás 21:00 horas con entrada de balde. O alumnado do CEIP Humberto Juanes asistirá a unhas clases de iniciación pola mañá

Nigrán, 07.03.23.- Dous dos clubes máis punteiros do balonmán galego, o Valinox Novás de O Rosal (División de Honra Prata) e Cisne de Pontevedra (Asobal) disputarán este venres 10 de Marzo no Pavillón Municipal de Panxón ás 21:00 horas o ‘II Trofeo Concello de Nigrán’, sendo a entrada de balde. O obxectivo deste evento presentado hoxe é promover este deporte nunha comarca onde actualmente non existe ningún clube de balonmán e, por outra banda, funcionará como preparatorio para a 2ª Fase de Ascenso na que está inmerso o Valinox Novás. O mesmo día pero pola mañá, adestradores do clube rosaleiro ofrecerán unha clase de iniciación ao alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes.

“É un luxo para Nigrán acoller un partido destes clubes de elite, animamos a que veñan as familias ao completo porque de seguro se sorprenderán”, recoñece o alcalde, Juan González, quen mantén a súa aposta por crear canteira en Nigrán e volver a asentar este deporte no municipio, neste sentido agradece a presenza da escola de balonmán da Deputación con sede no Pavillón de Panxón desde o ano 2021.

Na década dos 70-80 existían equipos nos tres concellos que conforman o Val Miñor, mentras que na actualidade non sobrevive ningún. De feito, O Novás Valinox naceu no 1974, no mesmo ano que o ‘Club Dunas’ desaparecido na década dos 80. Sen embargo, mentras os clubes do Miñor, Oia e Tomiño foron desaparecendo por completo, o Valiñox Novás foi acadando éxitos e medrando no Rosal ata conquerir equipos en categorías de pre-benxamín a senior con máis de 100 licencias federativas.