O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e a concelleira de Educación, Carmen Alonso-Macías, e a Xefa de Servizo de Aqualia en Nigrán, Marián Lago, fixeron entrega do premio do XI Concurso Internacional de Debuxo infantil, que ten como obxectivo concienciar aos máis pequenos da importancia de coidar a auga, un ben natural caro, prezado e escaso en moitos puntos do planeta.
A finalista desta edición, unha alumna do C.P.I. de Panxón, que cursa na actualidade 5º de primaria, recibiu como premio un Ecosistema de Clementoni, un xogo que recrea o ecosistema natural. O rexedor municipal felicitou a todos os alumnos participantes, e de forma especial á gañadora, e subliñou a necesidade de educar aos máis pequenos no correcto uso e consumo sustentable da auga.
As bases da duodécima edición do concurso de Aqualia, dirixido a nenos e nenas de 3º e 4º de primaria de todos os centros escolares, sairán o próximo 22 de marzo, coincidindo co Día Mundial da auga.