O goberno municipal lembra que o prazo para presentar as propostas para a terceira edición dos Premios Nigrán está a chegar ao seu fin. O pasado mes de novembro, o equipo presidido por Alberto Valverde remitiu unha carta a todos os colectivos e asociacións veciñais, culturais, deportivas e de lecer, así como aos grupos políticos da corporación, na que instaba a todos os colectivos e grupos políticos a presentar as súas propostas para a elección dos premiados nesta gala.
Os Premios Nigrán chegan á súa terceira edición como un acto consolidado, que ten o firme obxectivo de recoñecer pública e institucionalmente o esforzo e achega ao municipio de particulares, colectivos, asociacións e empresas nas áreas cultural, social, educativa, deportiva, empresarial e innovación.
Os colectivos e grupos políticos da corporación interesados en presentar as súas propostas deberán remitilas antes do próximo venres 31 de xaneiro ás 14.00 horas á Concellaría de Turismo, Cultura e Deportes a través do correo electrónico comunicacion@nigran.org ou do Rexistro Municipal.