Percorre o litoral do municipio desde a Ponte Románica da Ramallosa, pasando por Praia América, Panxón e Praia da Madorra. Subimos Monteferro por Area Fofa, pasaremos xunto ao petróglifo das Penisas. Seguiremos subindo ata as baterías militares. Desde aí temos opción de seguir e baixar ata o faro ou subir directamente ao miradoiro
Patrimonio histórico
Este carreiro empeza preto da capela de estilo neoclásico de San Campio, santo aos que os mozos que ían facer o servizo militar encomendábanse, por ser este un soldado martirizado polo Imperio Romano. Esta ruta pasa preto do Templo Votivo do Mar, obra de Antonio Palacios coa que quixo realizar un tributo á historia da arquitectura en Galicia, e ao seu lado atópase o Arco Visigótico. O último tramo lévanos ata o Miradoiro de Monteferro, onde se atopa o petróglifo de As Penisas Pequenas e unha antiga batería de canóns instalada en 1936. Ao finalizar a ruta podemos achegarnos ata o Monumento á Mariña Universal.
Patrimonio natural
Percorrendo este “Carreiro azul”, distintivo de calidade ambiental, teremos a oportunidade de coñecer distintos espazos protexidos. A ZEC-RedeNatural 2000 A Ramallosa, que constitúe un sistema húmido onde a vexetación máis aparente é a de marisma e o grupo de animais máis evidente son as aves, que aproveitan a produtividade deste medio. É especialmente interesante a observación de aves durante os períodos de paso migratorio. O ENIL Dunas Praia América-Panxón, onde están presentes máis de 40 especies vexetais autóctonas, herbáceas e leñosas, que reflicten gran parte da biodiversidade natural característica das dunas costeiras en Galicia. Atravesaremos tamén a desembocadura do río Muiños, onde é posible observar aves acuáticas, para continuar ata Monteferro. Desde aquí podemos contemplar o ZEC Illas Estelas, e percorrer unha zona boscosa repoboada principalmente con piñeiro marítimo.