Subimos desde o lavadoiro que hai na rúa Nandín cara a Montecastelo, ata o miradoiro dous Mouros, onde gozaremos de vistas de toda a liña de costa. Veremos treitos con camiños tradicionais e mostras de ecosistemas autóctonos de interese, como a carballeira atlántica
Patrimonio histórico
Este carreiro percorre o Outeiro dous Mouros, promontorio granítico, coroado por un fantástico miradoiro desde o que se ve toda a liña de costa desde Baiona ás Illas Cíes, a Serra da Groba, a Virxe da Roca, Monte Lourido, Monteferro, Illas Estelas, Miradoiro do Castro e Serra das Medoñas, polo que é un punto moi interesante. A conformación do enorme bastión granítico, que serve de miradoiro natural, foi interpretado pola cultura popular como unha fortaleza construída polos mouros, seres máxicos da tradición galega. Neste espazo foi construída en 1106 unha torre da que na actualidade apenas quedan restos identificables. En certos tramos do camiño podemos ver as marcas que labraron as rodas dos carros de bois co paso do tempo.
Patrimonio natural
Os bloques graníticos que dan personalidade a gran parte do carreiro foron orixinados pola descompresión ao ir emerxendo desde a parte interna da cortiza nun proceso que se denomina diaclasado. Na parte baixa do carreiro predominan as repoboacións de piñeiro, con pés dispersos de madroños, carballos, Frangula alnus e Pyrus cordata, xunto a invasoras como a acacia. En canto se alcanza a base do promontorio as explotacións de piñeiro e eucalipto dominan a paisaxe, con algún pé de carballo e acacia. Unha vez no Outeiro dous Mouros atopamos unha repoboación recente de distintas especies de carballos. No camiño de descenso atoparemos o mesmo tipo de vexetación.