Arrincando no Camiño do Codaval en Priegue, ímos subindo ata un pequeno desvío para ver un petróglifo. Máis adiante imos pasar polo parque forestal de Camos. Logo durante un treito coincidiremos coa ruta do Castro de Chandebrito. Alcanzaremos o punto máis alto do municipio no miradoiro dous Outeiros, con incribles vistas do val. No descenso chegaremos ata o límite do parque forestal de Saiáns para volver de regreso ata a Igrexa de San Mamede, preto do punto de inicio.
Patrimonio histórico
Sen dúbida é esta a ruta máis indicada para coñecer as pegadas da nosa prehistoria. Ademais de varios petróglifos, cunha datación entre o 3.000 e o 2.000 A. C. conformados con círculos concéntricos con cazoletas e canles, pasaremos xunto ao dolmen de As Requeixadas. Os dólmenes se consideran as primeiras mostras de arquitectura monumental en Galicia. Trátase dunha forma de enterramento colectivo. No exterior obsérvase un túmulo de terra que esconde unha cámara funeraria composta por varias laxas pétreas. No seu interior atópanse as inhumacións onde era cotiá atopar enxovais funerarios como xerras de cerámica ou algún obxecto metálico. Na última parte da ruta poderemos subir ata o miradoiro, o que nos permite ter unha magnífica panorámica do Val Miñor.
Patrimonio natural
Neste carreiro gozaremos dunha vexetación constituída por un mosaico de pequenos bosques autóctonos de carballo, masas de especies de produción forestal como piñeiros e eucaliptos, campos de labor e monte baixo onde predominan as leguminosas como toxos e xestas (Cytisus scoparius e Cytisus striatus), que son especies de porte arbustivo que forman a denominada orla forestal. Estas comunidades vexetais serven de refuxio a grandes mamíferos como o xabaril, gran consumidor de landras e que tamén inxire outras sementes, favorecendo a dispersión destas. Pódese observar nalgúns piñeiros como son tratados para a extracción da súa resina. Outro dos puntos máis destacables é o miradoiro dos Outeiros.