A ruta iníciase no campo de bolos de San Roque de Camos. Case todos os tramos son de pista forestal ata chegar a Chandebrito, onde coincidiremos durante un tramo coa ruta circular do “ Camiño dos Matos”. Ao final do mesmo, subimos pola rúa Sobral ata a rúa Ponte e volvemos a coller pistas forestais ata o final da ruta.
Patrimonio histórico
A ruta iníciase xunto ao campo de bolos, á beira da Capela de San Roque de Camos. Os bolos celtas é un xogo no que é imprescindible a forza, xa que as máximas puntuacións se conseguen lanzando os bolos o máis alto e lonxe posible.
Patrimonio natural
Este carreiro transcorre en parte polo bosque de ribeira do tramo alto do río Muíños. Trátase dun bosque de galería que se presenta como unha formación alongada que acompaña ao río na maioría do seu trazado. O ambiente sombrío, en verán e na primavera, é outra das súas características. Este bosque de ribeira está composto por unha gran variedade de especies de árbores de folla caduca adaptadas aos chans húmidos e frescos das marxes do río, como amieiros, salgueiros, freixo, bidueiros, loureiros e saúcos.
No chan deste bosque desenvólvense especies adaptadas á sombra e humidade, como fentos (Dryopteris dilatata e Blechum spicant). En contraposición a esta vexetación húmida, en partes máis illadas e expostas do carreiro poderemos observar sobreiras. Este carreiro circular é unha boa opción para gozar dun paseo tranquilo e con vistas sobre o municipio.
A cuberta arbórea ben conservada do bosque de ribeira do río permite a existencia ao longo de todo o ano dun microclima onde a humidade do chan e do aire favorecen a actividade dos anfibios. Sempre preto da auga é posible observar unha das especies endémicas do noroeste da Península Ibérica, a ra patilarga (ra ibérica).