Iniciando a etapa na Ponte Románica da Ramallosa e ata a rotonda de Saiáns, onde entra en Vigo, atopámonos con numerosas mostras de patrimonio: Pazo de Pías, Pazo da Robaleira, Cruceiro de San Pedro, Igrexa de San Pedro, antiga fábrica de champaña, Pazo Abacial, Casa de Pedro Groba, casa de Brito, Pazo de Cea, Camiño Real, Casa de Lamelas, Cruceiro das Reixas e Casa das Agullas.
Patrimonio histórico
Comezamos na Ponte Románica da Ramallosa, do s.XIII. Poden observarse trazos do inicio do gótico na mestura de arcos de medio punto, lixeiramente apuntados. Consta cun cruceiro na súa parte media coa figura de San Telmo asentada sobre un retablo con tres ánimas no inferno. Segundo a tradición, realizábanse ritos de fertilidade na ponte. A metade de camiño atopámonos cos Pazos Urzáiz- Cadaval e o de Cea, dos s. XIV e XVI respectivamente, e ambos os declarados Ben de Interese Cultural. O Pazo Urzáiz- Cadaval conta cunha escalinata balaustrada, capela do s. XVII, hórreo de 8 claros e unha torre circular almeada. O Pazo de Cea, pola súa banda, destaca pola súa escalinata de pedra, pombal e hórreo de 4 claros. Foi a residencia da intelectual Elena Quiroga.
Patrimonio natural
A entrada do Camiño en Nigrán é no ZEC da Ramallosa, zona de observación de avifauna especialmente nos períodos de paso migratorio. Logo penetrámonos nun mosaico composto de terras de cultivo sobre as que se asentan as vivendas, pequenas plantacións forestais e fragmentos de bosque de ribeira. Seguindo o Camiño chegamos ao polígono industrial de Porto do Molle, que se atravesa para continuar por un bosque de ribeira dun afluente do río Muíños. Neste bosque húmido está presente a vexetación típica destas áreas, como amieiros e salgueiros. Finalizado o bosque de ribeira, vólvese a ese mosaico de vivendas e cultivos, para alcanzar o límite administrativo do municipio de Nigrán.