O Templo Votivo do Mar é unha de obras cumes do arquitecto porriñés Antonio Palacios, e unha das mellores mostras do seu “xenio” que conservamos no Val Miñor.
Antonio Palacios Ramilo (1874-1945) estudou arquitectura en Madrid, obtendo o título en 1900. Na capital do estado transcorreu unha parte importante da súa vida e alí realizou gran parte da súa obra. Coñeceu o éxito profesional moi novo xa que, en compañía de Joaquín Otamendi, gañou o concurso para a edificación do Palacio de Comunicacións de Madrid (1904).
O éxito desta obra produciulles importantes recoñecementos como, entre moitos outros, o nomeamento como membro da Academia de Belas Artes de San Fernando. Desempeñou tamén importantes cargos oficiais como o de arquitecto xefe do Ministerio de Fomento. Entre as súas obras en Madrid debemos destacar, ademais da mencionada, o Banco do Río da Prata (1910) -actual Instituto Cervantes-, ou o Hospital de Xornaleiros de Maudes (1908).
Das súas obras en Galicia temos que subliñar o Teatro García Barbón de Vigo (1926), o Monumento da Virxe da Rocha de Baiona (1910), a Casa do Concello do Porriño (1918), o Templo da Veracruz do Carballiño (1943), que garda grandes similitudes co noso Templo Votivo. No Templo Votivo fúndense solucións construtivas tradicionais coas esencias do románico, gótico e barroco, o que dará como resultado unha arquitectura de forte personalidade.
O que hoxe contemplamos é só unha parte do que Palacios pensara, xa que ademais planificou a construción de escolas, dependencias para a comunidade relixiosa, unha casa da mariña e un hostal do mar. O proxecto iníciase en 1932, motivado pola pequenez do antigo templo parroquial, pero, unha vez identificados os seus restos prerrománicos, refugouse a idea da súa remodelación e optouse por construír un edificio novo. O custo sufragouse por subscrición popular e o templo consagrouse definitivamente cinco anos despois, en 1937.
Presenta unha planta de cruz latina, cunha soa nave e un campanario arrimado aos pés da igrexa. A ábsida é poligonal e o cruceiro remátase cun ciborio coroado por unha maxestuosa cúpula de nervios de planta octogonal. A nave principal está recuberta cunha bóveda, segmentada por arcos faixones apuntados, decorada con mosaicos.
Cabe destacar os mosaicos que decoran os tres tramos da bóveda da nave principal, a cúpula e a ábsida. Foron realizados polo construtor don José Mogines, a partir dos deseños de Palacios, empregando sobras dos azulexos. Na nave principal temos consecutivamente: a Anunciación, a Coroación e a Virxe do Carmen; no centro da cúpula o Espírito Santo e repartidos entre os nervios, anxos sostendo o ceo e anxos músicos; nas pendentes, os símbolos dos catro evanxelistas. Nas bóvedas das naves laterais, escenas da vida de San Telmo e de San Xoan Bautista, patrón da parroquia. Na ábsida, unha fermosa escena da Trindade co Cristo en Maxestade (Pantocrátor), santos de devoción e unha curiosa representación da arribada da carabela Pinta a Baiona.