Construída na primeira metade do s. XIII, mestura arcos de medio punto, uns suavemente apuntados e outros oxivais. Ten dez ollos, con dobre sistema para combater a forza do río e da marea. No centro hai unha cruz coa imaxe de San Telmo, patrón dos navegantes, seguramente por ter Pedro González Telmo (1180/1190-1246), algo que ver na súa construción. Sobre unha mesa maciza de pedra hai un retablo con tres ánimas. Sobre el celebrábanse ritos de fecundidade. A muller que quedaba embarazada, tiña que convencer ao primeiro home que pasase pola ponte despois das doce da noite para que vertese auga sobre o seu ventre e aceptase apadriñar ao pequeno.
A ponte da Ramallosa é un dos elementos arquitectónicos máis coñecidos do Val Miñor. Aínda que comunmente é coñecida como “A Ponte Romana”, temos que descartar que os seus fundamentos sexan eses, tanto polas propias características construtivas como polo seu emprazamento no tramo final do río. Trátase dunha ponte medieval e podemos establecer a súa construción cara á primeira metade do s. XIII, no tránsito do chamado románico final ou tardorrománico ao gótico inicial ou protogótico, como se deduce da mestura de arcos de medio punto, suavemente apuntados e tipicamente oxivais.
Realizada con aparello regular, perpiaños de bo tamaño e orixinalmente asentados en seco, ten dez ollos, con dobre sistema para combater a forza do río e da marea. O pavimento do seu interior, pola contra, é bastante irregular. Aínda que son difíciles de precisar, a ponte presenta modificacións posteriores á súa construción orixinal.
Esta ponte formaba parte dun camiño medieval, que erroneamente foi identificado cunha vía romana coñecida como “Per Tola Maritima”. O camiño medieval comunicaba a capital de diocese -Tui- coas poboacións máis costeiras ou con outros enclaves relixiosos-administrativos de importancia, como eran Baiona ou o Mosteiro de Oia. Unha parte do seu traxecto discorría paralelo á costa entre A Guarda e Baiona. En terras do Miñor deixou a súa pegada en forma de diversas pontes, aínda que de menor envergadura, como podemos comprobar na veciña parroquia de Santa Cristina da Ramallosa.
No centro da ponte hai un cruceiro coa imaxe de San Telmo, patrón dos mariñeiros, seguramente por ter Pedro González Telmo (1180/1190- 1246) algo que ver na súa construción.
O cruceiro componse dun pedestal con molduras, sobre o que se asenta un retablo con tres ánimas no inferno. Encima deste, sobre unha base cadrada, temos a figura de San Telmo, con hábito de dominico e un cirio azul que representa o lume de San Telmo, e sobre el o fuste de sección cadrada e esquinas biseladas, sobre o que temos un capitel cadrado. O cruceiro remátase cunha cruz lisa de brazos de sección romboidal.
É de destacar que nesta ponte se realizaban ritos de fecundidade, dos coñecidos como “bautismo anticipado”. Esta tradición, vinculada a pontes de certa antigüidade e con cruceiros, consistía, aínda que hai moitas variantes, en que cando unha muller tiña problemas para quedar embarazada ou con precedentes de aborto, se presentaba na ponte pouco antes da medianoite acompañada de, cando menos, dúas persoas que levaban consigo comida e bebida, coma se fosen celebrar un bauticeiro normal. A muller agardaba no centro da ponte ata que chegase a primeira persoa, e pedíalle que lle vertera auga do río sobre o ventre. Terminado o bautizo anticipado, deixábase o paso libre e comezaba a celebración da festa. Ao seu remate regresaban á ponte e tiraban á auga todo o sobrante a modo de pago aos poderes máxicos do río. Ao nacer o pequeno, realizábase o bautismo na igrexa, asistindo como padriño ou madriña a persoa que realizara o bautismo anticipado na ponte.