Petróglifo e Miradoiro das Penisas Pequenas

Accesos
Desde o centro de Panxón seguindo a rúa Tomás Mirambell, no primeiro cruzamento, pasada a Praia da Madorra, collemos á esquerda, pola rúa Monteferro. Un 500 m e chegamos a outro cruzamento, onde hai un hostal, viramos á esquerda e sempre na rúa principal seguimos un 300 m. ata chegar ás últimas casas onde atopamos unha bifurcación de tres pistas de terra. Colleremos a do medio e seguímola durante algo máis dun km ata chegar a unha nova encrucillada. Tomamos cara á esquerda e atopamos os gravados e o miradoiro a uns escasos 50 m.
Descrición
Sobre esta superficie granítica conviven dous tipos de insculturas rupestres: petróglifos, propiamente ditos, e un tipo especial de muíño de man, específico da área comprendida entre o norte da ría de Vigo e o norte de Portugal, coñecidos como ‘Muíños rupestres de Soporte Fixo’. Estamos ante a maior concentración de muíños rupestres coñecida en Galicia, con 21 exemplares. Á beira destes artefactos, empregados para a moenda de froitos duros, atopamos outras representacións, entre as que destaca un círculo dobre irregular recheo de puntos ( coviñas), e varios podomorfos, é dicir representacións de pés descalzos.
Toponimia
Ao longo destes escasos quilómetros de liña costeira concéntrase unha inxente cantidade de toponimia costeira ou talasonimia: A Porta, A Ronsel de Dentro, O Bochinche ou O Navío Galán son algúns dos nomes cos que os pescadores se referían aos accidentes xeográficos do mar ou cos que describían as súas características (presenza dun baixo, natureza do fondo, presenza ou ausencia de peixes…). Ademais, estas pedras contemplaron, ao longo dos séculos, o lento camiñar dos barcos, algúns deles descansan de forma perpetua baixo estas augas: o Highland, o ABC ou Collingham son algúns dos que desapareceron aquí.
Recomendacións
Recomendamos visitar os gravados pola tarde. Nas horas anteriores á posta do sol, xa que a luz rasante facilita a súa contemplación. Lembramos que non se debe pisar a superficie gravada nin remarcar os surcos con calquera tipo de material; deste xeito contribuiremos á súa conservación.