Petróglifo das Requeixadas

Período histórico Calcolítico-Idade do Bronce
Cronoloxía Entre 4.000 e 3.500 anos do presente
Restriccions de acceso Ningunha

Accesos

Unha das formas máis fáciles de chegar a este recuncho da parroquia de Priegue pode ser partindo da capela de San Roque de Camos e seguindo a estrada en dirección a Nigrán. A escasos metros, tras a primeira curva pechada, seguiremos ata que remate o asfalto por unha desviación cara á dereita. Neste punto collemos, pola esquerda, por unha pista de terra que seguiremos sen desviarnos ata chegar a un cruzamento, á beira dunhas leiras pechadas. Tomamos a pista central que ascende en dirección ao parque forestal de Camos, no lugar de As Agrileiras. Seguiremos por este sinuoso camiño, sen saír do principal, ata chegar a unha bifurcación, a escasos metros do parque, na que seguiremos cara á esquerda. Ascendemos pola pista uns 400 m., nunha nova bifurcación seguimos pola dereita. A uns poucos metros, viramos á dereita e atopamos o conxunto da mámoa e o petróglifo.

Descrición

Nun momento, aínda sen precisar, as xentes dos períodos do Calcolítico (Idade do Cobre) e da Idade de Bronce, por motivos que tamén descoñecemos, “decoran” as superficies graníticas con complexas agrupacións de signos e figuras, coñecidas como petróglifos. Cunha variada temática, que vai desde representacións de animais (cervos, cabalos,…) e armas, ata os máis comúns, de temática abstracta como a que aquí temos. Neste petróglifo podemos contemplar numerosas agrupacións de círculos concéntricos de diferente tamaño, asociadas a variados conxuntos de puntos ou “ coviñas”.

ler máis ler menos

Recomendacións

Recomendamos a súa visita pola tarde, xa que a posición do sol facilita a súa observación. Lembren que non se pode pisar a superficie gravada nin remarcar os surcos con calquera tipo de material.