Trátase dunha das grandes mostras da arquitectura dos pazos de todo o Val Miñor e tamén de toda Galicia. Os terreos que ocupa pertencían, no S. XV, ao Cabido de Tui que os tiña aforados a Vasco de Godoy quen, en 1613, dooullos ao seu sobriño o capitán en Flandes, Gregorio Vázquez Ozores, casado con Teresa Troncoso de Lira, neta do anterior, que sería o que iniciaría a construción do pazo. Os descendentes, militares polo xeral, emparentaron coas nobres familias de López de Romai e os Vilamarín-Sarmiento.
O edificio principal, que sufriría importantes remodelacións no s. XVIII de clara inspiración barroca, ten dúas plantas formadas por dous corpos diferentes, que definen unha típica planta en “ L”. Na intersección dos dous corpos destaca a fermosa torre almeada, decorada con gárgolas en forma de canóns.
Na mesma disposición atopamos catro pedras heráldicas, rematadas con coroas ducais en forma de perfectos aneis, da que só nun caso presenta o seu campo decorado coas armas das familias Pereira de Castro, Falcón e Ozores-Soutomaior.
Destaca a cheminea, que alcanza maior altura que a torre, e mostra dous corpos ben diferenciados, separados por unha moldura con desaugadoiros nas esquinas. Remata cunha sobria decoración de almeas e pináculos culminados por bólas.
Na fachada principal, unha fermosa escalinata de granito une o atrio da capela e o patín con balaústres, cuberto cun tellado de armazón en madeira e sustentado por catro columnas lisas de tipo toscano. Baixo o patín ábrese un amplo arco decorado con placas recortadas, tipicamente barrocas. Á esquerda do patín temos un fermoso brasón onde se observan as armas das familias Pereira de Castro, Falcón, Troncoso de Lira, Soutomaior e Ozores.
A capela intégrase na fachada principal. Nela destaca a súa espadana con campá, baixo a que temos unha fornela enmarcada nun arco decorado con elementos vexetais, que acolle unha imaxe da Virxe da Asunción.
Na fachada posterior destaca a súa balaustrada, pegada á torre, co tellado sustentado por tres esveltas columnas toscanas.
Un elemento distintivo deste pazo da Touza é o seu portón de acceso, desprazado da súa posición orixinal no nordeste da leira. Componse dun amplo panel de perpiaños no que se abre a porta, a través dun arco de medio punto, flanqueado por dúas torres cilíndricas rematadas nunha especie de cúpula semiesférica e decorada con senllos escudos de armas. A ambos os dous lados do arco de entrada atopamos senllos altorrelevos de guerreiros e, baixo eles, catro cabezas de leóns –dous a cada lado-, moi deterioradas, que orixinalmente tiñan argolas nas súas fauces. No centro da portada, o escudo de armas, coa coroa ducal, das familias Pereira de Castro, Ozores, Soutomaior e Falcón, flanqueado por leóns rampantes en relevo e, rematando a composición, unha figura humana tocando a trompeta. A portada estaba decorada con catro pequenas figuras, hoxe desaparecidas; dúas de pé en actitude de tocar un instrumento musical, sobre a parte central, e as outras dúas sobre as torretas, unha sentada e outra de pé, en actitude de saúdo.