Panxón romano
Descrición
A orixe do actual asentamento de Panxón, remóntase á Cultura Castrexa, anterior ao período romano, da que podemos observar o seu magnífico castro insular. No período romano a importancia de Panxón acrecentouse debido á importancia comercial do seu porto. Temos magníficos exemplos no altar (ara), recuperado nesta mesma praia da Madorra, dedicado a Mercurio, ou na factoría de cerámica exhumada nesa mesma rúa. Isto fomentou un importante desenvolvemento urbanístico, que ten a súa mellor expresión no magnífico mosaico de temática mariña, recuperado a comezos do s. XX.
Coa “dominación” romana, alá polo s. I a. C, as poboacións indíxenas castrexas sufriron un proceso de aculturación, coñecido como romanización que implicou a adopción dos costumes e gustos romanos e dunha nova lingua, o latín, que, co tempo, chegaría ata nós como a lingua galega. O grao de romanización foi moi dispar e mantivéronse en gran medida a organización social e as tradicións.
En Nigrán temos palpables mostras deste período: castros de Chandebrito e Priegue, e sobre todo en Panxón.
O Castro de Panxón, moi desfigurado, sitúase sobre unha pequena península costeira. Sabemos que as poboacións destes castros costeiros mantiveron, xa desde antigo, repetidos contactos cos comerciantes do Mediterráneo (fenicios principalmente), do mesmo xeito que con outros castros semellantes, ben próximos, como o da Illa de Toralla ou o que, na actualidade, ocupa o Museo do Mar. Isto implicaría unha gran antigüidade no poboamento deste castro que se podería levar máis aló do s. V a. C. A súa ocupación proseguiu ata ben avanzado o período romano.
O proceso de romanización provocou o progresivo abandono dos castros e a ocupación das terras baixas e costeiras. Este é o caso de Panxón, onde se consolidou o núcleo de ocupación romana máis importante de todo o Val Miñor. Aínda que descoñecemos con exactitude a razón precisa da formación do Panxón romano podemos considerar que a existencia previa do castro, así como as excelentes características naturais da súa costa como porto natural, serían factores decisivos.
Panxón debeu xogar un papel de relevo nos circuítos comerciais que se desenvolvían na ría de Vigo, tanto como porto de entrada de mercadorías como nos procesos asociados á industria da salgadura que tiña grande importancia para a conservación de alimentos perecedoiros. En pobos próximos, como Vigo, desenvolveuse, nesta época, unha importante industria dedicada tanto á obtención de sal como á elaboración final dos produtos, entre os que destacaba o garum, unha especie de salsa salgada elaborada a base de vísceras de peixes fermentadas.
Como mostra da importancia da actividade comercial no Panxón romano temos o ara descuberta na Praia da Madorra (1958), estudada por Mª Álvarez Blázquez e que actualmente se pode observar no Museo de Castrelos de Vigo. Unha ara era un pequeno altar onde se lle rendía culto a un deus. A de Panxón estaba dedicada ao deus Mercurio, o deus do comercio por antonomasia no panteón romano. A súa cronoloxía situaríase ao redor dos s. II e III d. C. Nela figura a inscrición: Merc / urio / ara / Festus / ficit. É dicir: Festo fíxolle un ara a Mercurio. É probable que o tal Festo fose un comerciante e que mediante esta ofrenda tentase favorecer as súas “transaccións comerciais”.
O núcleo de poboación estendíase desde a Praia da Madorra ata, cando menos, a rúa do Arco. En toda esta zona veñen identificando, sucesivamente, construcións e materiais arqueolóxicos claramente romanos.
Outro dos núcleos achábase no lugar da Xermaña, nas ladeiras de Monteferro. Aínda que a superficie escavada non foi moi extensa, documentáronse diversas estruturas habitacionais, canalizacións e unha inxente cantidade de material arqueolóxico. A súa cronoloxía situaríase ao redor dos s. III e V d. C, e trataríase dun pequeno asentamento rural. A pesar de que se daban as condicións para a súa conservación, quedou practicamente destruído baixo unha urbanización de nova construción.
Infortunadamente hoxe só podemos admirar unha pequena parte da arquitectura romana en Panxón, trátase dos restos que se conservan na rúa Tomás Mirambell, onde se documentaron diferentes estruturas dunha olería (diversos muros, lousados, canalizacións e dúas balsas de decantación de arxila) construído a base de ladrillos. Na súa contorna púidose delimitar unha importante concentración de arxila, que se interpretou como unha área de almacenaxe e, aínda que non se pode afirmar con seguridade, é moi probable que nesta olería se elaborasen ánforas do tipo empregado no transporte de salgaduras (o que confirmaría a importancia do Panxón romano nesta actividade industrial), se temos en conta a gran cantidade de fragmentos destes envases que se recuperaron no xacemento.
Outro magnífico exemplo do desenvolvemento económico de Panxón nesta época témolo no espléndido mosaico de temática mariña, recuperado nun lugar sen concretar das ladeiras do Castro de Panxón, no que aparece representado un muxo de 77 cm de longo, dúas ameixas e varios elementos vexetais.
Un mosaico desta entidade só se podía atopar nunha vivenda de nivel económico alto, hipoteticamente nunha villae ou “casa de campo”, forma básica de organización agropecuaria característica do Baixo Imperio, semellante ás que se coñecen na ribeira sur da ría de Vigo (leira Mirambell en Saiáns, Vigo, actualmente musealizada).
Recentemente recuperáronse varios fragmentos dunha xamba decorada con motivos xeométricos, procedente tamén das ladeiras do Castro de Panxón, o que non faría máis que reforzar a hipótese da existencia dunha vivenda luxosa, tipo villae.