Un dos elementos máis característicos da paisaxe rural do noso país e expresión característica da cultura tradicional galega é o cruceiro. Sitúanse en lugares públicos, (encrucilladas, beiras de camiños, atrios de igrexas…) e tiñan como función a de sacralizar o lugar, ben por existir previamente cultos de orixe pagá, ben por suceder algún feito luctuoso. Aínda que non existe un censo definitivo, parece que o seu número excede amplamente os 10.000, distribuíndose principalmente entre as provincias da Coruña e Pontevedra. A súa orixe remóntase ao gótico, alá pola segunda metade do s. XIV ou xa no s. XV, aínda que a súa eclosión e expansión definitiva darase durante o s. XVII.
Formalmente é unha obra en granito, cunha cruz na parte superior dun fuste de sección circular e con decoración variada. A cruz pode estar apoiada sobre un capitel que imita os estilos clásicos. Os elementos citados aséntanse sobre un pedestal cuadrangular, que, normalmente, acolle unha inscrición na que se recolle a data na que se erixiu, o motivo e o nome de quen o encargou. Todo o conxunto elévase sobre unha plataforma comunmente de forma cuadrangular.
Na iconografía domina a representación do Cristo crucificado, só ou acompañado por unha Virxe, en diferentes advocacións: Virxe-Nai (Piedade), Virxe Dolorosa, Virxe da Soidade, Inmaculada Concepción… Con frecuencia, no fuste ou na base, aparecen representados os elementos da paixón (látego, coroa de espiñas, cravos, martelo e tenazas), así como a figura do demo, en forma de serpe ou píntega.
O da Lama é unha sinxela, pero fermosa, mostra de cruceiro do s. XVII. Consta dunha plataforma de tres pasos, sobre a que se apoia un pedestal de base cuadrangular, que debido aos rebaixes que presenta nas esquinas, mostra na parte superior unha sección octogonal. Neste lugar é onde se conserva a inscrición na que se pode ler: MCB / RMIAYO / OACER / ORECO / BMEO / ANO 1616 / CORES, onde se identifica con claridade a data da súa construción.
O fuste liso, algo curto, de sección circular, sobre o que se asenta a cruz na que podemos observar no seu lado S. un característico Cristo crucificado no alto relevo. Polo lado contrario unha Piedade de vulto redondo. O acabado da cruz e a súa propia iconografía (presenza da Piedade) suxiren que estamos ante unha obra engadida a posteriori, xa máis propia dun momento avanzado do s. XVIII.