Este conxunto monumental de pazo e cruceiro é un dos máis importantes de todo Val Miñor. O pazo remóntase, cando menos ao s. XV, e vincúlase a Sueiro Iáñez de Parada, figura política e militar de primeira liña durante a guerra entre Pedro I “O cruel” e Enrique de Trastámara. O señor de Prada tamén está vinculado coa fortaleza que se achaba no Outeiro dous Mouros, no Monte Castelo. O pazo está moi modificado, aínda que conserva senllas balconadas balaustradas e un portalón brasonado onde se observan as armas dos Piñeiro e Araúxo. O cruceiro é de 1583, aínda que a súa feitura actual data de 1778.
Este pazo está vinculado á figura xa aludida de Sueiro Iáñez de Parada. Con posterioridade a titularidade do pazo recaería na familia Araúxo, ata que no s. XVIII, Ana Mª de Araúxo casa con Fernando Correa de Araúxo. Eles serán os pais de Lorenzo Correa de Araúxo, fundador da Casa dos Correa, actual sede do Concello de Baiona.
O pazo atópase na actualidade moi modificado, conservando, en bo estado, unicamente, o portalón brasonado. A súa planta presenta forma en “ L”, que se abre a un amplo patio central, rodeado dunha galería cuberta e asentada sobre columnas toscanas. Cara ao oeste aínda se conserva parte da antiga escalinata balaustrada e cara ao norte dous balcóns cubertos e balaustrados, soportados por catro ménsulas mixtilíneas, pero moi modificados.
O portón, de clara inspiración barroca, componse dun amplo lenzo de muro, coroado por seis remates piramidais con bóla e no que se abre a porta de acceso mediante un amplo arco de medio punto. Sobre este, e entre os remates piramidais, atopamos o escudo de armas da familia Piñeiro. Do outro lado, nunha edificación anexa ao portón, atopamos outro magnífico brasón da familia Araúxo.
O pazo compleméntase cun cruceiro que, segundo a inscrición do pedestal, dataría do ano 1583. Foi reconstruído posteriormente, no ano 1778, segundo a inscrición da base do fuste, podéndose ler: “ Benito Araujo. Tenente Coronel. Provincia de Tuy”. Consta dunha plataforma de catro banzos de forma octogonal, sobre o que atopamos un pedestal de base cadrada e coas esquinas biseladas, o que define no tramo superior unha forma octogonal. Estes serían os únicos elementos que quedarían do cruceiro primitivo do s. XVI. O fuste remata nun capitel de tipo toscano, sobre a que temos a cruz coa representación dun Cristo crucificado nun lado, e unha Piedade no outro.