Estamos ante un dos mellores exemplos da arquitectura barroca do Concello. Dunha soa nave, con brazo lateral e ábsida cuadrangular, mostra unha sobria decoración na súa fachada principal. Nesta observamos a portada enmarcada en pilastras con cornixa, coroada por pináculos de bóla e na que temos unha fornela que contén a imaxe dunha piedade. A torre do campanario, dividida en dous corpos, destaca pola súa decoración a base de pilastras, cornixas e pináculos de bóla, todo iso coroado por unha sobria balaustrada e unha cúpula hexagonal. No interior destacan os retablos e tallas barrocas de exquisito acabado.
A capela das Angustias é un dos mellores exemplos da arquitectura relixiosa barroca do Concello de Nigrán. Templo dunha soa nave de planta rectangular con ábsida tamén rectangular e sancristía arrimada no lado sur. Do exterior temos que destacar a súa fachada occidental e a torre do campanario. As fachadas enmarcadas por pilastras con capitel dórico e basamento, rematadas en pináculos de bóla. A porta da fachada principal está precedida por unha escaleira de catro banzos, decorada con molduras abaceladas e enmarcada en senllas pilastras que sosteñen unha moldura na que se apoia o frontispicio,aberto no centro, con pináculos apilastrados. No medio destes temos unha hornacina moldurada, de arco de medio punto, con venera que acolle unha Piedade. Enmarcando a hornacina dúas pilastras, que sosteñen a cornixa, na que se apoian dúas pináculos apilastrados e no medio unha pequena xanela. Coroando a fachada unha cruz central e dous pináculos de bóla.
A torre do campanario é de base cuadrangular, rematada cunha balaustrada voada e pilastras dóricas acompañadas de placas recortadas. Mostra vans de medio punto, e unha cúpula octogonal con tambor rematada aos lados con pináculos de bóla. No interior, a nave principal está cuberta por unha bóveda de canón reforzada con arcos. O presbiterio, precedido dun amplo arco triunfal de tres centros, coroado cunha bóveda de crucería que conserva pinturas nos nervios e nos panos que conforman a bóveda.
Debemos destacar os tres retablos. O maior, do último terzo do século XVIII, ten un amplo zócolo de madeira no que están as dúas portas polas que se accede ao trasaltar. Cun único corpo de tres canles, as laterais céntranse por estípites e a central por columnas en terzas, con rameados e acanalados.
A fornela central rodéase de tres pares de columnas, tamén en terzas, pero máis pequenas, onde se atopa unha Piedade. As fornelas laterais son lisas, de medio punto con cartela vexetal. O entablamento é mixtilíneo e soporta nos extremos dous anxos cos símbolos da Paixón.
Os outros dous retablos están dedicados a San Campio e á Virxe. De similar feitura presentan planta movida, con rúas laterais estreitas e cóncavas. As súas peanas son grandes e con perfís curvilíneos. A maior diferenza está na súa rúa central, xa que no de San Campio está partida en dúas partes. Ao leste está a fornela do Santo. No retablo da Virxe, a fornela nace enriba do banco e non ocupa todo do arco.