Trátase dunha das escasas manifestacións da arte xermánico en Galicia, sen semellanza en moitos km á redonda. Formaba parte da desaparecida igrexa parroquial de San Xoán de Panxón, e pasou desapercibido ata 1926. Daba entrada ao presbiterio do antigo templo de planta basilical. Magnífico arco de ferradura, asentado sobre dúas columnas lisas rematadas en senllos capiteis de orde corintia. Á marxe do arco, podemos observar parte da cabeceira do antigo templo e unha tapa de sartego (lauda) decorada, tamén de tradición xermánica.
Os restos da antiga igrexa parroquial de San Xoán de Panxón, co seu magnífico arco de ferradura, son unha das escasas mostras da arte xermánico que se conservan en Galicia. Pola súa importancia, este espazo ostenta o carácter de Ben de Interese Cultural desde o ano 1964.
Na actualidade podemos contemplar restos da ábsida cuadrangular, que dá entrada o arco triunfal de ferradura. Este identificouse na década dos anos 30 do pasado século cando se pensaba na ampliación do pequeno templo parroquial.
Ante a importancia do descubrimento, o arquitecto encargado da ampliación, Antonio Palacios, abandonou o proxecto e optou por crear unha igrexa de nova planta, o Templo Votivo do Mar.
O arco, composto por 21 doelas de diferentes tamaños, pero de aspecto equilibrado, susténtase sobre dúas columnas de fuste liso e capiteis de inspiración corintia, con dúas fileiras de follas de acanto e volutas incipientes. Aínda que na actualidade non se poden observar, os fustes están asentados en sendas baseas que, segundo a información dispoñible, serían capiteis similares aos mencionados, pero invertidos. Orixinalmente o arco estaba sustentado por dous pares de columnas por cada lado, como aínda se pode comprobar actualmente.
Polo seu aspecto e técnica de execución pódese asegurar que a súa feitura é xermánica, descartándose que fosen reaproveitados dunha construción romana anterior.
En 1963 identificouse, formando parte dun muro próximo, unha laude ou tapa de sartego, con decoración de tipo estola, que posteriormente se trasladou á ábsida do templo. As características da decoración convidan a situala no período suevo (s. V-VII).
Nos anos 80 do pasado século, con motivo da consolidación do arco, realizouse unha pequena escavación na que se identificaron as cimentacións orixinais do templo xermánico, que definen unha característica planta de cruz grega. Sobre estas, e aproveitándoas en parte, durante o s. XVII reformouse a igrexa adquirindo a fisonomía que se mantivo ata o s. XX, cando desapareceu.