A Mámoa das Requeixadas

Período histórico Neolítico
Cronoloxía Entre 6.000 e 4.000 anos do presente

Accesos

Unha das formas máis fáciles de chegar a este recuncho da parroquia de Priegue pode ser partindo da capela de San Roque de Camos e seguindo a estrada en dirección a Nigrán. A escasos metros, tras a primeira curva pechada, seguiremos ata que remate o asfalto por unha desviación cara á dereita. Neste punto collemos, pola esquerda, por unha pista de terra que seguiremos sen desviarnos ata chegar a un cruzamento, á beira dunhas leiras pechadas. Tomamos a pista central que ascende en dirección ao parque forestal de Camos, no lugar de As Agrileiras. Seguiremos por este sinuoso camiño, sen saír do principal ata chegar a unha bifurcación, a escasos metros do parque, na que seguiremos cara á esquerda. Ascendemos pola pista uns 400 m., nunha nova bifurcación seguimos pola dereita. A uns poucos metros, viramos á dereita e atopamos o conxunto da mámoa e o petróglifo.

Descrición

Trátase dun enterramento colectivo, que se pode datar en máis de 5.000 anos. Baixo esta chea de terra, de forma semiesférica, ocúltase unha cámara magnífica (dolmen) composta por laxes imbricadas, que definen un espazo de forma poligonal, recuberta doutras laxes en forma de tapa. Os corpos inhumados acompañábanse de verdadeiros enxovais funerarios, compostos tanto por elementos domésticos (recipientes cerámicos, machadas de pedra…) como por diversos adornos.

ler máis ler menos