#STOPODIO-BRAIS MÉNDEZ

Concello de Nigrán, Brais Méndez e a ONG IGAXES únense para loitar contra o odio e a exclusión social

Stop Odio nace para promover valores de respecto e igualdade na sociedade a través da educación e o deporte
O Concello de Nigrán será o escenario elixido para a celebración dun torneo de fútbol praia o 15 e o 16 de xuño

Nigrán, 24 de abril de 2024.-

O futbolista Brais Méndez, xogador da Real Sociedad, únese á ONG IGAXES nun esforzo por combater o odio na sociedade e promover valores de respecto e igualdade. IGAXES, cuxa misión é asegurar que ningunha nena, neno ou persoa moza teña que renunciar ao seu futuro por razón de pobrezo ou exclusión social, acompañará ao futbolista na campaña Stop Odio.

No marco desta alianza, organizan unha serie de accións: conversas entre Brais Méndez e persoeiros destacados da cultura e o deporte, obradoiros de sensibilización contra o odio en escolas e clubes deportivos, así como un torneo de fútbol praia en Nigrán os días 15 e 16 de xuño, dirixido a mozas e mozos de entre 12 e 16 anos.

A ONG IGAXES, Brais Méndez e o Concello de Nigrán convidan a toda a comunidade a participar e a unirse na loita contra o odio e a exclusión social. Detectar o discurso de odio e facerlle fronte, fomentar a empatía, evitar a linguaxe ofensiva, facer un uso responsable das redes sociais e participar na construción dunha sociedade máis inclusiva son algunhas das accións que cada individuo pode fomentar.