Sesión de despedida de ‘Ioga e Meditación no Solpor’

O CONCELLO DE NIGRÁN PECHA ESTE MARTES EN PATOS CUNHA XORNADA ESPECIAL AS SESIÓNS DE ‘IOGA E MEDITACIÓN NO SOLPOR’ A CARGO DO MESTRE INTERNACIONAL MADHANA

A cantautora nigranesa Lucía Doval ofrecerá un pequeno concerto antes de que comece a derradeira sesión de Ioga ás 20:30 horas

O director e fundador do Centro Sananda en Vigo, pioneiro en España na práctica desta disciplina, impartíu clases gratuítas durante todo o verán a centos de asistentes interesados

“A simbiose da actividade coa ubicación en Patos e os seus marabillosos solpores foi absoluta e tivo moitísima aceptación, polo que o verán que ven multiplicaremos as sesións e se extenderán ata setembro”, avanza o alcalde, Juan González

Nigrán, 25/08/22.- A praia de Patos á tardiña revelouse este verán como un verdadeiro lugar máxico para acadar unha paz espiritual e física a través do Ioga. Agora, tras dous meses desta nova actividade do Concello de Nigrán a cargo do gran mestre internacional Madhana (pioneiro nesta disciplina en España, introductor en Galicia e fundador e director do Centro Sananda en Vigo) este martes 30 de agosto finaliza ‘Ioga e Meditación no solpor’ cunha sesión especial na que a cantautora de Nigrán Lucía Doval (teclado e voz) ofrecerá un breve concerto intimista desde as 19:45 horas no mesmo escenario. Coma sempre, os interesados tan só teñen que presentarse o martes 30 de agosto no propio areal (á altura da caseta de Protección Civil) ás 19:45 horas para o concerto ou ás 20:30 horas cunha esterilla para a práctica de Ioga. O solpor nesta praia sumado ás posturas dos yoguis máis avanzados augura novamente imaxes espectaculares como despedida. “Interésome polos misterios da realidade humana e intento compartir as miñas reflexións e a miña aprendizaxe a través da música e da voz. O día 30 en Patos intentarei romper o silencio do solpor con todo o respecto que merece”, explica Lucía Doval, cantautora, tradutora e pianista de 25 anos e también afeccionada ao ioga.

“A simbiose da actividade coa ubicación en Patos e os seus marabillosos solpores foi absoluta e tivo moitísima aceptación, polo que o verán que ven multiplicaremos as sesións e se extenderán ata setembro”, avanza o alcalde, Juan González, ante o gran interese amosado polos centos de asistentes cada día, xuntándose cada vez máis. “Ás 20:30 horas e entre semana a praia está xa moi desocupada, polo que non intereriu en nada cos bañistas e, ao mesmo tempo, permitíu unha maior concentración e relaxación”.

“Queremos aportar á cidadanía maior equilibrio entre mente e corpo. Non existe outro beneficio que o do ioga mesmo, por iso animamos a toda aquela persoa interesada a que acuda”, invita Madhana Agulla, gran mestre acostumado a impartir cursos a nivel internacional e formado co profesor Rama Chandra Filosofía na India na Universidade Mysore.