Servizos Sociais – Discapacidade
Aquí informámosche sobre as axudas, bonificacións, trámites, lecer… que o Concello pon a disposición das persoas con diversidade funcional. Ten en conta que para acceder a axudas ou bonificacións é necesario acreditar o tipo ou grao de discapacidade.
Dependencia
A Lei 39/2006 de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia ten por obxecto regular as condicións básicas que garantan a igualdade no exercicio do dereito subxectivo da cidadanía á promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
O Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia responderá a unha acción coordinada e cooperativa da Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas, que contemplará medidas en todas as áreas que afectan as persoas en situación de dependencia, coa participación, no seu caso, das Entidades Locais. Polo que a través do Concello poderá ser tramitada a valoración do recoñecemento do grao de dependencia.
Pensión non Contributiva de Invalidez
A Pensión non Contributiva de Invalidez asegura a todos os cidadáns en situación de invalidez e en estado de necesidade unha prestación económica, asistencia médico-farmacéutica gratuíta e servizos sociais complementarios, aínda que non se cotizou ou se fixo de forma insuficiente para ter dereito a unha Pensión Contributiva.
Recoñecemento grao de discapacidade
O certificado do grao de discapacidade é o documento que acredita a discapacidade das persoas. Está dirixido a persoas de calquera idade, con deficiencias permanentes non recuperables. As pautas de valoración fundaméntanse sobre todo nos efectos para a capacidade de realizar as actividades básicas da vida diaria.
Este recoñecemento efectúase a través dos Equipos de valoración e orientación (EVO) dependentes das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Se alcanzan unha porcentaxe igual ou superior ao 33% poden acceder a unha serie de beneficios: fiscais, laborais, económicos, educativos, sociais, entre outros.
En calquera caso, tamén cabe a posibilidade de pedir a revisión do grao de discapacidade. Para ter dereito a revisión, será necesario que transcorresen un mínimo de dous anos desde a resolución.
Con todo, este prazo mínimo non se terá en conta nos seguintes casos:
- Por erro de diagnóstico.
- Por cambios substanciais nas circunstancias que deron lugar ao recoñecemento do grao.