Sendeirismo e BTT para o fin de semana

Nigrán acollerá o vindeiro domingo a oitava edición da marcha BTT Concello de Nigrán, que congregará a máis de 500 ciclistas da comarca, e cuxo prazo de inscrición finaliza mañá xoves, 6 de novembro. A proba deportiva, organizada pola Peña Ciclista Val Miñor en colaboración co Concello de Nigrán, está dirixida a todos os ciclistas maiores de 16 anos que dispoñan de licenza federativa. No entanto, os non federados tamén poderán participar na marcha, xa que a organización realizará os trámites necesarios para obter a licenza por un día.

O punto de partida será unha vez máis o Pavillón Municipal de Deportes de Panxón ás 9.00 horas. Tras o éxito da pasada edición, que contou con máis de 400 ciclistas, a organización mantén a dificultade do percorrido –media/alta-, cun trazado final dun 40 km. por rutas forestais e viarias de todo o municipio.

Os interesados en participar aínda poden inscribirse cubrindo un formulario de preinscrición que se pode descargar da páxina web do club, www.nigranbtt.com, e enviándoo xunto co xustificante do ingreso ao correo electrónico inscripciones@nigranbtt.com, debendo tamén presentar copia do ingreso o día da marcha.

Sendeirismo
Coincidindo coa celebración desta proba, a Concellaría de Turismo, Cultura e Deportes ofrece ademais unha nova ruta de sendeirismo inspirada na novela homónima de Domingo Villar, a Praia dos Afogados, unha novidade na programación desta tempada que tivo un éxito rotundo. Os interesados en participar deberán acudir ao Pavillón Municipal de Deportes de Panxón, ás 9.30 horas.

Outras saídas
Así mesmo, o concello convoca unha nova ruta para o sábado 23 polo carreiro de Os Matos, na parroquia de Camos, que ten como punto de encontro a Oficina de Turismo Dunas de Gaifar, ás 10.00 horas.

As visitas guiadas polos pazos celebraranse os xoves 14 e 28 de novembro, con saída ás 17.00 horas desde a Oficina de Turismo Dunas de Gaifar, en Panxón. Desde aí, os participantes percorrerán o Pazo das Pías, na Ramallosa, o de Cea, en Nigrán, e o da Touza, na parroquia de Camos.

Máis información e inscricións no departamento de Turismo, Cultura e Deportes, no 986 36 50 00, extensión 6, ou a través do correo electrónico turismo@nigran.org.