O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE SÁBADO O DOCUMENTAL DE PABLO ROMERO ‘DONDE ACABA LA MEMORIA’ NO AUDITORIO MUNICIPAL E COA PRESENZA DO DIRECTOR
A proxección terá lugar ás 20:00 horas con entrada de balde ata completar aforo e e posteriormente se establecerá un coloquio co director, veciño de Nigrán
Pablo Romero, docente na Universidad de Vigo e na londinense de Rohetampton, percorre coa colaboración de Mike Dibb, Carlos Saura e Roman Gubern Las Hurdes, a Residencia de Estudiantes e Granada para construir así un retrato de Ian Gibson
Nigrán, 03.11.21.- O Concello de Nigrán ofrece este sábado 6 de novembro no Auditorio Municipal ás 20:00 horas a proxección da película documental ‘Donde acaba la memoria’ sobre o célebre hispanista Ian Gibson e coa presenza do seu director, o veciño de Nigrán Pablo Romero-Fresco. A entrada é de balde ata completar aforo e posteriormente establecerase un coloquio co público asistente. Gibson é un auténtico detective literario que leva máis de 50 anos traballando para recuperar a memoria recente de España a través das biografías de tres dos seus xenios máis recoñecidos: Buñuel, Dalí e Lorca.
Romero-Fresco, profesor contratado Ramón y Cajal na Universidade de Vigo e Honoray Professor of Translation and Filmmaking na londinense de Roehampton, iniciou este proxecto documental cando hai 8 anos coñeceu casualmente no Reino Unido a Ian Gibson e ao seu amigo, o lendario cineasta Mike Dibb. En ‘Donde acaba la memoria’, Romero percorre Las Hurdes, a mítica Residencia de Estudiantes e Granada co obxectivo de construír o retrato de Ian Gibson, e para elo conta tamén coa colaboración de Mike Dibb, Carlos Saura e Roman Gubern.
“É un orgullo para este Concello ofrecer esta película dun veciño de Nigrán recoñecido mundialmente polo seu traballo sobre tradución e accesibilidade e que, ademais, nos achega á figura de Ian Gibson, o gran historiador do noso pasado máis recente”, explica o alcalde e tamén historiador Juan A.González.
“O plan inicial era revisitar o documental histórico de Buñuel en Las Hurdes, pero pronto se fixo evidente que a historia estaba en Ian…”, confesa Pablo Romero, quen despois dun ano de montaxe para converter 50 horas de metraxe nun corte final dunha hora sufriu o roubo da cinta na súa propia oficina. “Esa foi a primeira das moitas mortes de ‘Donde acaba la memoria’ durante case unha década que tamén incluíu o nacemento dos meus dous fillos e cambios de traballo e de país. Pero unha película sobre a perseveranza dunha vida adicada á busca non pode abandonarse así como así”, refire. Consecuentemente, tres anos despois da subtracción, viaxou con Ian a Granada para acompañalo na presentación da última edición do seu libro e visionou unha gravación súa inédita da famosa entrevista co enterrador de Lorca, material que aparece neste documental.
Esta película marca a fin dunha longa viaxe para o director e para o propio historiador, con máis de medio século de traballo desde que deixou a súa Irlanda natal para viaxar a Granada e escribir unha tese sobre Lorca.