Programación sociocultural verán 2023

O FESTIVAL ‘VIVE NIGRÁN’ ABRE UNHA PROGRAMACIÓN DE VERÁN DO CONCELLO NA QUE SE MANTEÑEN OS SEUS EVENTOS MÁIS POPULARES

O Concello aposta pola continuidade co Nigranjazz a finais de xullo, Solpor por vez primeira con dúas edicións, Chandefolk, Flota como Poidas, os concertos de Carlos Núñez en Monteferro, ‘Val Miñor Fest’, ‘Parrulas Fest’, ‘Rilla na Rúa’…

Son máis de cen propostas de ocio para todos os públicos ás que se engaden novas iniciativas como cine na rúa, actuacións de ‘Cultura no Camiño’, observación nocturna de petróglifos…

“Levamos xa 8 anos xestionando o ocio estival e optamos por darlle continuidade a eventos que funcionan e que, ao mesmo tempo que promoven a cultura, poñen en valor o noso patrimonio natural”, reflexiona o alcalde, Juan González

Nigrán, 01/07/23.- O Concello de Nigrán arranca esta fin de semana co festival ‘Vive Nigrán’ a súa oferta cultural de verán dando protagonismo, como é habitual, á mellor música nos mellores escenarios do mundo. Toda a programación está a disposición dos interesados na páxina web do Concello www.nigran.es no apartado de portada ‘Próximos Eventos’ e se irán actualizando con novidades.

Consecuentemente, o Concello aposta pola continuidade na súa selección. Así, está o Nigranjazz a finais de xullo (28 e 29 de xullo) Solpor por vez primeira con dúas edicións (14 e 15 de xullo e 25 e 26 de agosto), os food-trucks de Rilla na Rúa (do 21 ao 25 de xullo na Alameda da Ramallosa), o festival míudo ‘Parrulas Fest’ (do 2 ao 5 de agosto), a concentración de artefactos flotantes ‘Flota como Poidas’ (6 de agosto na Foz do Miñor), o ‘Chandefolk’ (14 de agosto), o festival da cervexa artesana Val Miñor Fest (do 16 ao 20 de agosto) ou os concertos de Carlos Núñez en Monteferro (4 e 5 de agosto). Eventos do Concello que funcionaron moi ben o ano pasado, como o ‘Cinema a Pedal’, se repiten e, ao mesmo tempo, o Concello colabora con outros festivais como o Espazo Fest no que destaca o concerto de Wilco o 20 de agosto no Pazo de Urzaiz, o Reguetton Beach en Porto do Molle (5 e 6 de agosto) ou o concerto de Chanel (14 de agosto en Porto do Molle). No eido deportivo destaca a clásica xa ‘Nigrán Area’, a carreira popular pola ribeira de Praia América e Panxón (13 de agosto) e hai que sumar as tradicionais actividades na praia de Patos e Praia América.

Como xa é habitual, tampouco faltarán roteiros como o xeolóxico por Patos-Monteferro ou teatralizados, e se incorpora como novidade a observación nocturna de petroglifos en Chandebrito, Priegue e Monteferro. Teatro do Ar será protagonista tamén de diferentes actuacións e se incorporarán outras a través de ‘Cultura no Camiño’. Asimesmo, o Concello mantén a súa colaboración coa Semana Cultural de A Carrasca (do 8 ao 11 de agosto) ou a Baixada de Carros de Bolas en Camos (15 de agosto).

“Como cada ano, queremos chegar a todo tipo de público ofrecendo actividades moi diversas para que ninguén se sinta excluído, a programación de verán é tamén un fiel reflexo do ‘Nigrán para todos’ do que sempre presumimos”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que se trata “dunha programación de continuidade” ao estar xa a maioría dos eventos moi consolidados no calendario local. Ao longo destas semanas iranse pechando máis actividades cuturais, estando sempre actualizado o calendario na web www.nigran.es.