

O CONCELLO DE NIGRÁN CONMEMORA O 8-M CUNHA AMPLA PROGRAMACIÓN CULTURAL E DE OCIO DURANTE TODO O MES DE MARZO
Está aberto o prazo de inscrición para diferentes obradoiros de danza o 2, 4, 5 e 6 de marzo e para un escape room en Panxón o sábado 7. Ademáis, haberá teatro, cine e un café en igualdade
Alumnado de educación Primaria e Secundaria recibirá obradoiros de educación sexual entre febreiro e abril
Nigrán, 24.02.26.- O Concello de Nigrán ofrece con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, unha ampla programación cultural, educativa e de ocio durante todo ese mes destinada a promover a igualdade e o empoderamento da muller, animando o Concello asimesmo a participar na marcha do Val Miñor o 8-M con saída ás 11:30 desde a Praza do Concello cara a Ramallosa.
As actividades arrancarán no Pavillón Municipal co programa ‘Move-T’a cargo de Husling Dance, incluíndo ximnasia activa o luns 2 de 11:00 a 12:00 horas; hip-hop o mércores 4 no mesmo horario, barre o xoves 5 ás 11:30 horas e zumba o venres ás 18:15 horas. Todas están dirixidas a persoas maiores de 16 anos que se poden inscribir desde xa e ata o propio día no CIM (Estrada pola Vía, 65), chamando ao 986 383 081 ou en cim@nigran.org.
Igualmente, tamén está aberta a inscrición ata o 5 de marzo para o escape room ‘Corresponsabilidade, un reto compartido’ o sábado 7 de marzo a partir das 11:00 horas no porto de Panxón. A inscrición realizarase preferentemente a través dun formulario online pendurado en www.nigran.org. Neste caso pódense apuntar persoas de todas as idades individual ou colectivamente, sendo preciso que os menores de 12 anos estean a cargo dun adulto e dispor todas as persoas participantes dun teléfono móbil conectado a internet. Nesta experiencia gamificada, exploran de maneira lúdica e práctica o concepto de corresponsabilidade e, a través de diferentes retos, reflexionan sobre reparto equilibrado das tarefas domésticas e dos coidados, o uso do tempo, a carga mental e o impacto dos estereotipos na organización da vida cotiá.
A programación municipal polo 8-M inclúe cine o 5 de marzo con ‘Prefiro condenarme’ e o xoves 12 ‘Siempre nos quedará mañana’, ambas ás 19:00 horas no Cine Municipal da Ramallosa; a obra de teatro ‘Ao mellor postor’ o propio domingo 8 no Auditorio Municipal ás 19:00 horas e, finalmente, unha nova sesión de ‘Café en igualdade’ o luns 23 para abordar as dificultades da corresponsabilidade e a conciliación.
Igualmente, desde finais de febreiro ao mes de abril, o Concello ofrecerá obradoiros de educación sexual destinados a alumado de Primaria e Secundaria dos centros escolares do municipio.
A programación do Concello de Nigrán está deseñada desde a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) e conta con apoio da Deputación e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.


