Programa municipal ‘Canguros’

O CONCELLO DE NIGRÁN ABRIU ESTE LUNS O PRAZO PARA SOLICITAR O SERVIZO MUNICIPAL GRATUÍTO ‘CANGUROS‘ DE ATENCIÓN A MENORES

Está dirixido a atender necesidades puntuais de familias en situación de risco ou exclusión social co fin de facilitarlles a conciliación nos campos laboral, familiar ou persoal

O Concello de Nigrán retoma desde este luns 10 de Outubro o servizo municipal de canguros destinado a familias en situación de risco ou exclusión social e para atender necesidades puntuais de conciliación. O programa público, que tivo que suspenderse durante a pandemia e posteriormente no 2021 ao non presentase á licitación ningunha empresa especializadas ante a dificultade dos protocolos, ofrece a estas familias a posibilidade de contar cun tempo determinado ante necesidades circunstanciais de natureza extraordinaria (é dicir, non estructurais) de tipo laboral, formativo, sanitario e social, a través do uso dun servizo gratuíto de canguros. As persoas que o precisen e que cumpran coas bases establecidas deben dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello.

“Hai moita xente con dificultade económica que aínda por riba ten problemas á hora de buscar un traballo ou de formarse porque non se pode permitir pagar un servizo privado para o coidado dos fillos, é a esa xente a quen queremos chegar para que teña as mesmas oportunidades; queremos un Nigrán para todos e con este obxectivo promovemos o Programa Municipal de Canguros”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.

O servizo é, por tanto, unha resposta programada desde os Servizos Sociais que garante a atención adecuada ás necesidades dos usuarios. Este será prestado pola cooperativa ‘MilRamas’.

Poderán ser beneficiarias as unidades familiares responsables de menores a cargo de entre 4 meses e 14 anos (podendo alcanzar como máximo ata os 18 anos en casos debidamente xustificados) que teñan necesidades puntuais obxectivables de conciliación dos campos laboral, familiar e persoal, e teñan dificultades para acceder a outros recursos normalizados. As axudas deste programa enténdense como o conxunto de accións vinculadas ao cuidado e atencións dos menores no seu propio domicilio, ou fora do mesmo, sempre que o servizo así o requira, realización de acompañamentos (traslado ao colexio, a una actividade extraescolar ou de ocio, a centro sanitario, etc), así como atención durante a realización dalgunha actividade fora do fogar .

Os principios do programa recollidos nas bases son a flexibilidade e multifuncionalidade, é dicir, poderase acceder ao servizo en diferentes momentos e horarios, conforme aos intereses da unidade familiar; o benestar do menor; e intervención personalizada grazas a un contacto previo para dar respostas concretas a cada necesidade. Para acceder ao servizo é preciso estar empadroado en Nigrán, que estea xustificada a petición do mesmo e cumprir cos requisitos de natureza económica establecidos (a modo orientativo, unha familia de dous membros non pode exceder os 15.745 €/ano e unha de catro os 22.6673 €).