Premios Nigrán 2013

Os Premios Nigrán 2013 xa teñen nome e apelidos. Así, o rexedor municipal avanzou hoxe os nomeados da segunda edición destes premios, nun proceso no que se convidou a participar a todos os colectivos sociais, culturais e deportivos do municipio, así como a todos os membros da corporación municipal.

O premio ao mérito social será para a Fundación Menela, polo labor que desde hai 20 anos realiza o seu centro Castro Navas (Priegue), dando resposta activa e efectiva ás necesidades específicas das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA). “Castro Navas traballa día a día para potenciar o desenvolvemento das capacidades persoais e para favorecer a inclusión social e laboral das persoas con TEA, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida”, esgrime o rexedor municipal, Alberto Valverde.

O mérito cultural recaerá este ano sobre a Sociedade Cultural e Deportiva Birlos dá Carrasca, pola súa achega á actividade cultural do municipio, desenvolvendo desde os anos 80 unha tarefa continua de promoción, difusión e defensa da cultura tradicional galega, un labor inestimable que fai posible que este patrimonio viva nas xeracións do presente, e do futuro.

Os máis de 100 anos de historia, así como a súa achega na formación e educativa e humana de miles de persoas da comarca, fan das Escolas Proval o candidato máis válido para recibir o Premio Nigrán 2013 ao mérito educativo. Este centro naceu no ano 1909 como escola pioneira, grazas á contribución dos emigrantes, xestionada a través da Unión Hispanoamericana do Val Miñor, que trouxeron con eles técnicas educativas innovadoras, seguindo os criterios e os ensinos aprendidos en Arxentina, mostra do estreito vínculo entre os dous lados do océano.

O Racing de Vilariño é o candidato a recibir o Premio Nigrán 2013 ao mérito deportivo. Con máis de 50 anos de vida, o maior éxito deste club consiste en que, ademais de formar deportivamente a miles de nenos e nenas da comarca, incorpora ao seu quefacer diario unha educación social e humana, un sentimento de pertenza a unha comunidade, a un equipo, a unha forma de ser.

O mérito empresarial recaerá nesta segunda edición dos Premios á Zapatería A Rápida, un negocio que grazas ao esforzo e perseveranza do seu dono, Ángel Méndez, mantén vivo o espírito orixinario dun oficio tan tradicional e secular como o de zapateiro, nuns tempos nos que a tecnificación substitúe en moitas ocasións o traballo artesán e manual.

Tan só dez anos despois da súa fundación, Marine Instruments consolidouse no sector pesqueiro e naval como primeiro fabricante de bollas satélite a nivel internacional; unha meteórica proxección baseada no rigor tecnolóxico, a constante innovación e uns ríxidos controis de calidade para todos os seus produtos. Estes argumentos, e moitos outros detrás, ameritan a esta empresa para recibir o Premio Nigrán 2013 á innovación, nun ano no que estrea ademais novas instalacións no parque empresarial Porto do Molle.

Premios Nigrán
Os Premios Nigrán naceron o pasado ano como un proxecto do goberno municipal, que viu neste evento unha forma de recoñecer publicamente a historia, traxectoria e achega que particulares, empresas e/ou institucións realizaron a Nigrán ao longo da súa historia. “Un acto institucional que este ano chega á súa segunda edición con máis ilusión mesmo que o primeiro día”, explica Valverde. “Máis aló do recoñecemento público, os Premios Nigrán naceron tamén como un xesto de ánimo, ánimo a seguir construíndo xuntos un Nigrán puxante e con perspectivas de futuro”, engadiu.