PortAmérica Rías Baixas consolídase como evento de proxección nacional e internacional de Nigrán

A terceira edición de PortAmérica Rías Baixas presentouse hoxe en Pontevedra, desvelando os nomes dos grupos e artistas que configuran o cartel definitivo do festival, entre os que figuran 2ManyDjs, Vetusta Morla, Love of Lesbian, The Jayhawks, Villanueva, Carlos Méndez e Belöp.

PortAmérica Rías Baixas é desde agora a nova denominación do festival, que nas dúas últimas edicións congregou a miles de persoas en Nigrán, e co que Esmerarte pretende “vincular o certame a un territorio” e contribuír á difusión e consolidación da marca turística Rías Baixas.

“Só o pasado ano, 19.000 persoas desprazáronse a Nigrán con motivo do festival, o que fan de PortAmérica Rías Baixas un dos eventos máis transcendentes para a economía local, ao dinamizar a hostalaría, a restauración e o comercio do municipio”, sinalou o rexedor municipal, Alberto Valverde na rolda de prensa celebrada hoxe, na que tamén participaron o director de PortAmérica, Joaquín Martínez (Kin) e a deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo.

Valverde subliñou ademais a importancia do festival desde un punto de vista do emprego. “Na súa segunda edición, PortAmérica xerou máis de 500 postos directos e indirectos, ademais das 18 persoas desempregadas que a organización contratou a través da bolsa de emprego municipal”, observou, “iniciativa que tamén se porá en marcha este ano”.

A traxectoria e o crecemento de PortAmérica Rías Baixas sitúano ademais como evento de referencia deste verán, que na súa terceira edición quere converterse en punto de encontro das Rías Baixas, “proxectando a nivel nacional e internacional a imaxe do noso municipio”, engadiu Valverde.

Programación musical
Aos nomes xa coñecidos que se barallaron até a data, entre os que destacan Ivan Ferreiro e Andrés Calamaro, súmanse as confirmacións anunciadas hoxe, de 2ManyDjs, Vetusta Morla, Love of Lesbian, The Jayhawks, Villanueva, Carlos Méndez e Belöp. Ademais, a organización revelou en que consistirá o concerto de Iván Ferreiro, que será unha homenaxe a Golpes Bajos.

Mini-vacacións
Un ano máis, e co fin de ofrecer a posibilidade de gozar dunhas mini-vacacións en Nigrán, habilitarase unha zona de acampada na contorna do festival, que estará operativa entre os días 16 e 20 de xullo por 20 euros, gastos incluídos. Así mesmo, a organización avanzou que o prezo dos abonos se manterá en 45 euros máis gastos de distribución só ata que se esgoten as próximas 2.000 unidades, e o prezo da entrada diaria, xa á venda, sitúase en 25 euros máis gastos de distribución.

Gastronomía
A gastronomía galega, e das Rías Baixas, tamén será un ano máis unha das grandes protagonistas do festival. Este ano acompañarán á nosa Estrela Michelin varios cociñeiros internacionais, cuxos nomes se desvelasen nos próximos días.