PortAmérica Rías Baixas arrinca a súa terceira edición con 23 veciños de Nigrán contratados a través da bolsa de emprego municipal

O festival PortAmérica Rías Baixas arrinca hoxe a súa terceira edición con 23 veciños e veciñas de Nigrán contratados a través da bolsa de emprego municipal, cinco máis que en 2013. Esta vintena de postos de traballo atópanse dentro dos máis de 500 empregos directos e indirectos que o festival con sede en Nigrán xera cada ano, “unha cifra máis que significativa tanto para o municipio como para a comarca en xeral”, subliña o rexedor municipal, Alberto Valverde.

Aos datos de xeración de postos de traballo súmase o impacto económico que xera a celebración de PortAmérica Rías Baixas, que segundo os datos que manexa a organización en 2013 superou os 3 millóns de euros, “un retorno económico que no caso de Nigrán repercute de forma directa na actividade hostaleira e comercial do municipio”, sinala o rexedor.

As vantaxes da celebración dun festival desta envergadura exceden as fronteiras do meramente económico, xa que PortAmérica Rías Baixas consolidouse como unha carta de presentación de Nigrán como destino turístico. “O pasado ano, Nigrán recibiu a máis de 19.000 persoas con motivo de PortAmérica, o equivalente á poboación do municipio, que ademais de acudir ao festival coñeceron as nosas praias e a nosa gastronomía, comeron nos establecementos hostaleiros, consumiron nos nosos supermercados e nos negocios locais”, observa Valverde.

O rexedor municipal resalta a importancia de que Nigrán sexa sede dun evento que en só tres anos consolidouse como cita de referencia do tour estival a nivel nacional e internacional, e que chega á súa terceira edición cun dos mellores carteis do panorama musical actual.

“Para Nigrán é un privilexio contar cun evento destas características, e subliñamos o valor de PortAmérica como instrumento de dinamización turística, así como polo positivo impacto económico que xera para o concello e os seus veciños, polo que esperamos que o festival siga crecendo ano a ano, e con el o noso municipio”, conclúe o rexedor.