PortAmérica consolídase na súa segunda edición como un dos eventos de referencia en España

PortAmérica, o encontro de música e ideas que celebrou o seu ano cero en 2012, confírmase neste 2013 como un dos eventos máis destacados do ano no panorama nacional. Unhas 19.000 persoas asistiron á programación musical e gastronómica do festival, desenvolvida en Porto do Molle, Nigrán, o que en termos de asistencia supón un incremento dun 11% respecto ao ano pasado.

O Escenario Estrela Galicia acolleu durante tres días actuacións de artistas como Editors, Vetusta Morla, Café Tacvba, Lori Meyers, Bomba Estéreo ou Supersubmarina, entre moitos outros.

Na carpa Co-Cooking de Fillos de Rivera contamos coa presenza de nada menos que seis cociñeiros con Estrela Michelin: Pepe Solla, Beatriz Sotelo, Javier Oleiros, Alberto González, Xosé Cannas e Yayo Daporta, todos pertencentes ao Grupo Nove Cociña. O seis chefs, acompañados de alumnos de escolas de hostalaría de Galicia, sorprenderon aos asistentes coas súas creacións gastronómicas e demostraron coa súa ShowRocking, un ano máis, que a alta cociña marida á perfección cun evento musical.

Emprego
En canto ao impacto socioeconómico, foron 538 os postos de traballo directos ou indirectos xerados por PortAmérica, o que supón unha importante inxección ao emprego estival. Destes, 18 foron contratados a través da bolsa de emprego que Esmerarte Industrias Creativas activou para brindar aos veciños de Nigrán a oportunidade de traballar man a man coa organización de PortAmérica.

Non hai que esquecer o impacto positivo que en hostalaría e comercio achega un evento destas características, que ademais dos asistentes aos concertos acolleu a 1.500 persoas na súa área de acampada, que se instalaron entre 1 e 5 días en Porto do Molle.

Máis de 80 foron os medios acreditados, a web contou cun 35% máis de visitas que o ano pasado e as redes sociais creceron máis dun 50%.

O Premio PortAmérica da Cultura recaeu este ano na emisora musical de Radio Nacional: Radio 3, polo seu apoio incondicional á música independente en España.

A Comunidade PortAmérica, que naceu co propósito de dar visibilidade a ideas e iniciativas dos emprendedores, segue crecendo e conta xa con máis de 60 proxectos adscritos, dos cales algúns como Wiimbo, Sonen ou Wydme participaron activamente no Festival.

Con estas cifras toca facer balance positivo para unha cita que a pesar do seu curto percorrido, con esta edición confírmase como toda unha referencia no que a grandes eventos refírese, converténdose nunha marca moi importante para Galicia.