A praia de Patos acollerá o vindeiro mércores, véspera de festivo, unha xornada nocturna de surf, un evento único no sur de Galicia, que sumará á práctica do surf grellada, música, xogos e, sobre todo, moita diversión. Os responsables desta prometedora noite son o Patos Surf Club en colaboración co Concello de Nigrán, que celebrarán con esta orixinal actividade o seu XVIII aniversario.
O evento congregará deporte e espectáculo a partes iguais, unha actividade nunca vista no sur de Galicia baixo o nome de “Os patos surfean de noite”. A partir das 23.00 horas, os surfeiros do Patos Surf Club entrarán á auga con traxes de neopreno ataviados con tubos luminosos de neón de cores moi rechamantes e unhas táboas especiais –só existen catro no mundo destas características- equipadas con luces de neón, cortesía da factoría PUKAS,
O resultado haberá que velo, pero todo apunta a que será un espectáculo visual inigualable, ao que hai que engadir a dificultade técnica de montar ondas coa visibilidade case nula da noite nigranense. En definitiva, un agasallo para a vista tanto para os seguidores deste deporte como para os afeccionados e o público en xeral.
Podedes ver un exemplo do que veremos o vindeiro mércores na seguinte ligazón: http://www.antena3.com/vídeos-online/noticias/deportes/surf-nocturnoy-brillante_2011120100033.html.
Animación infantil
Ademais, o parque infantil de Praia América albergará mañán martes a partir das 20.30 horas unha nueva sesión de animación infantil a cargo de Animarte.