A Intervención Xeral do Concello de Nigrán informou a emenda ao orzamento de 2014 presentada polo concelleiro de UCN, Antonio Fernández Comesaña, no pleno do mes de xuño, “unha emenda que foi ampliada coas achegas do PSOE”, lembra o rexedor municipal, Alberto Valverde. Do devandito informe extráese literalmente que dita emenda non se axusta a dereito, polo que non debería considerarse á hora de decidir a aprobación do orzamento de 2014.
A ilegalidade da emenda susténtase, dunha parte, en que propón modificacións en partidas irrealizables no momento actual, tanto desde un punto de vista xurídico como económico, xa que daría lugar a unha ilegalidade nas contas municipais.
En relación á tramitación de todas as modificacións de crédito, mesmo a nivel de partidas, o interventor municipal sinala no devandito informe que dita proposta dificultaría enormemente a xestión dos servizos económicos municipais, “ademais de engordar o gasto en asistencia a plenos, xa que deberían convocarse para aprobar calquera modificación”, apunta o concelleiro de Economía, Facenda e Persoal, Alberto García.
En todo caso, o informe recolle que, de realizarse dita proposta, debería levar a cabo nun orzamento que iniciase a súa actividade a principios do ano, “non no mes de xullo, que é a circunstancia na que nos atopamos”, engade.
Consecuencias
En relación ás consecuencias de traballar co orzamento prorrogado de 2013 que o equipo de goberno avanzaba semanas atrás, Valverde recoñece que xa se están producindo, “xerando serios problemas nas actividades turística, cultural e deportiva, así como imposibilitando a esta administración a xeración de emprego directa e indirecta, a través da contratación de obras e subministracións”.
O rexedor municipal insiste en que todas estas cuestións deberían facer avaliar a todos os corporativos presentes no pleno do próximo xoves sobre a importancia e transcendencia para os veciños deste municipio, e para a súa actividade económica, de seguir funcionando co orzamento prorrogado o que resta de exercicio, así como non aprobar o presentado a pleno, “que recolle as propostas realizadas ao longo dos últimos meses polos grupos da oposición”.
“Os cidadáns e os seus intereses deben ser sempre o eixo da política, a todos os niveis, e de forma especial nos tempos que corren. É hora de que os políticos deixemos de lado, na medida do posible, confrontacións partidistas e pensemos no benestar e crecemento dos veciños e do noso municipio”, conclúe o rexedor.