‘O home que quixo vivir’-Bernardino Graña

O CONCELLO DE NIGRÁN INVITA AO ESCRITOR BERNADINO GRAÑA
Á INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN BIOGRÁFICA ‘O HOME
QUE QUIXO VIVIR’ CO GALLO DO SEU 89 ANIVERSARIO

A mostra dirixida por Xan Leira estará aberta ata o 31 de outubro no Auditorio Municipal e incluirá a proxección dun documental o sábado 30 coa presenza do seu protagonista

O célebre escritor galego, que vive na residencia Stella Maris de Panxón desde hai décadas, soprou esta mañá as velas acompañado de alumnado do CEIP Humberto Juanes

Nigrán, 28/09/21.- O Concello de Nigrán rende este mes homenaxe mediante a exposición ‘O home que quixo vivir’ a un dos seu veciños máis ilustres: o célebre escritor galego Bernardino Graña, quen vive desde hai décadas na residencia Stella Maris de Panxón. Así, coincidindo xusto co seu 89 aniversario, onte pre-estreouse no Auditorio Municipal o documental vinculado á mostra, todo baixo a dirección e realización de Xan Leira, e coa asistencia do alcalde de Nigrán e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, entre outras autoridades. Sen embargo, a exposición foi aberta ao público esta mañá coa presenza do propio Bernardino, Xan Leira, o rexedor e alumnado do CEIP Humberto Juanes, quen lle cantou o ‘Cumpleaños Feliz’ e lle axudou a soprar as velas.

‘O home que quixo vivir’ permanecerá no Auditorio Municipal ata o 31 de outubro (de luns a venres, de 10:00 a 13:30 horas, e fins de semana de actividades neste espazo), e como colofón final o sábado 30 proxectarase o documental ás 17:30 horas.

“Bernardino Graña é un ilustre escritor galego que temos a sorte de ter como veciño, por iso desde o Concello de Nigrán estamos especialmente orgullosos de acoller esta exposición que lle ofrecemos como agasallo no seu 89 aniversario”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que desde o Concello xa se está a traballar para o ano 2022, nos seus 90 anos.

A mostra, composta por 14 roll-ups informativos, fai unha escolma por orde cronolóxica da vida e obra de Bernardino, incluíndo imaxes representativas de cada etapa. A maiores, cada visitante poderá levarse un catálogo informativo a modo de ‘xornal’ que recolle boa parte da exposición e que inclúe códigos QR con recursos de audio ou video. Finalmente, o documental ‘O home que quixo vivir’ (con localizacións para a entrevista en Panxón) a complementa. Este proxectarse o día 30 de outubro e o Concello o ofrecerá para aqueles centros educativos do municipio que o desexen.

“A obra de Bernardino Graña (Cangas, 27.09.1932) é magna. Poesía, narrativa, teatro, conferencias… Un creador e un intelectual de altura que colaborou na modernización da nosa literatura dende moitos lugares desde os que loitar. Puxo toda a súa intelixencia ao servizo do seu pobo” , reflicte a propia mostra de Xan Leira sobre o impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade que o ven de nombrar presidente honorífico. Foi catedrático de lingua e literatura ata a súa xubilación en 1991. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto. É autor dunha decena de magníficos poemarios, un destacado libro de relatos, unha orixinal novela, máis dunha vintena de salientables títulos infanto-xuvenís e preto de media ducia de pezas teatrais de relevo que merecen maior divulgación no conxunto da sociedade galega e, moi especialmente, entre a xente nova, á cal dedicou unha parte significativa da súa obra escrita na súa residencia moañesa de Tirán.