O goberno municipal volverá a levar a pleno o orzamento ao consideralo imprescindible para Nigrán

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e o tenente de alcalde e concelleiro de Economía, Facenda e Persoal, Alberto García, apoiados polo resto do equipo de goberno, adiantaron hoxe que volverá levar o orzamento para a súa aprobación nun pleno extraordinario que celebrará en quince días.

Así o comunicaron hoxe nunha rolda de prensa, na que reiteraron a decepción polo posicionamento de todos os grupos da oposición, PSOE, BNG, UCN e o concelleiro non adscrito, Ignacio Vilas, “por incumprir a súa obrigación, que é velar polos intereses dos veciños antes de por os seus propios”, así como a súa intención de seguir traballando por Nigrán e os intereses dos seus veciños. “O dano fíxoselle aos veciños, non a este goberno, e mentres sexamos representantes dos veciños e responsables deste concello non estamos dispostos a permitilo”, aseverou o rexedor municipal.

O tenente de alcalde explicou tamén a súa reacción no pleno do pasado xoves, que justifica ante a decepción que lle produciu o comportamento dos grupos da oposición.

Valverde lembrou aos membros da oposición, especialmente ao PSOE de Nigrán e ao BNG, o chamamento da cidadanía nas eleccións europeas de que a forma de facer política e os responsables políticos deben cambiar. “Como alcalde deste concello e como político, é o meu deber, a miña responsabilidade e a miña prioridade velar polos intereses e o beneficio dos meus veciño”.

Por iso, o equipo de Valverde levará a unha sesión extraordinaria o orzamento para a súa aprobación, que se convocará dentro de quinces días. Durante as próximas dúas semanas, o goberno municipal falará con todos os colectivos de Nigrán –centros culturais, veciñais, sociais, deportivos, asociación de empresarios, sindicatos e xunta de persoal do concello- co fin de informarlles sobre o seu contido e as consecuencias de non aprobalo.

Nesta liña, o concelleiro de Economía e Facenda advertiu que debido á amortización de crédito realizada o pasado ano, os orzamentos prorrogados de 2013 para o presente exercicio son insuficientes. “A amortización da débeda produce un desfasamento de 800.000 euros que no orzamento prorrogado desaparecen de forma automática, o que pode levar a este concello a incapacitarlo para afrontar certos pagos ineludibles e a crebar a senda da recuperación económico-financeira das arcas municipais”, puntualizou.

“Independentemente de quen nos deu os votos necesarios para gobernar este concello, este goberno representa e preocúpase por todos os veciños, polo que seguiremos pelexando por dar a Nigrán e aos seus veciños un orzamento, porque os nosos veciños e os seus intereses son a nosa única prioridade”, aseverou García.

Uns orzamentos “positivos para Nigrán e para os seus veciños”, e que grazas á situación económico-financeira das arcas municipais, permiten incrementar o gasto en emprego nun 500% para abrir liñas de axuda a autónomos e bolsas de emprego para mozos titulados no propio concello, subir o gasto social e en educación un 19% e un 34% respectivamente, así como abrir unha liña de subvencións de 40.000 euros para colectivos sociais, culturais, veciñais e deportivos, “que desgraciadamente non poderán contar o respaldo do concello como nos últimos anos e sen estas novas subvencións se non hai un orzamento aprobado para este exercicio”, engadiu o tenente de alcalde.

Os investimentos poderían verse tamén comprometidas, especialmente en relación ás actuacións de saneamento e abastecemento. “Se non sacamos adiante este orzamento incumpriremos o convenio dun millón de euros asinado con Augas de Galicia para ampliar e mellorar a rede de abastecemento de auga e de saneamento en Parada e Nigrán”.

O alcalde de Nigrán responde unha vez máis aos argumentos esgrimidos pola oposición relativos á falta de consenso. “Dicir non aos orzamentos é dicir non a que Nigrán avance. Por iso, se a oposición segue sen querer dar luz verde a este orzamento, convidámoslles a que para esta convocatoria de pleno extraordinario presenten unha alternativa de orzamento. Se cumpre os mínimos legais e apelan á sensatez apoiarémola, porque a diferenza dos grupos políticos da oposición, este goberno e este partido si pensa nos intereses de Nigrán”, conclúe o rexedor.