O goberno municipal proxecta habilitar as antigas escolas de Cotros como biblioteca municipal

O goberno municipal proxecta habilitar as antigas escolas de Cotros, situadas na Rúa Sarmiento, en Mallón, como biblioteca, unha iniciativa coa que o equipo de Valverde busca dar resposta a unha demanda dos usuarios deste servizo municipal e que permitirá aumentar o número de prazas dispoñibles para os veciños de Nigrán.

“A reconversión desta infraestrutura en biblioteca permitirá ofrecer aos veciños de Nigrán un servizo en condicións, cunha biblioteca cómoda, ampla e accesible, ben comunicada a través do servizo de transporte público, e que incrementará o espazo de lectura e estudo a disposición dos nosos vecinos”, sinala o alcalde, Alberto Valverde.

Para sacar adiante este proxecto, o goberno municipal incorporará por vía de urxencia o cambio de uso deste espazo, actualmente tipificado como educativo, a socio-cultural, o paso previo necesario para proceder á redacción do proxecto, cuxa execución o goberno local financiará a través do Plan Provincial de Obras e Servizos de 2015 da Deputación de Pontevedra.