O goberno municipal proporá ao pleno a cancelación do plan de saneamento para reducir a carga impositiva e abrir liñas de subvención a colectivos e autónomos

O goberno municipal proporá ao pleno da corporación a cancelación do Plan de Saneamento 2009-2015, vixente desde abril de 2009, “o que abrirá as portas a unha redución da carga impositiva e á apertura de novas liñas de subvencións”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde.
O cumprimento anticipado dos obxectivos recolleitos no Plan de Saneamento, que permitiu á súa vez ao goberno local amortizar no exercicio anterior a débeda contraída en 2009 por valor de 1,51 millóns de euros, levan ao goberno presidido por Valverde a propor ao pleno da corporación a cancelación do Plan de Saneamento.

Este plan foi aprobado en 2009 por todos os grupos da corporación, menos polo partido independente UCN, para a consecución dun préstamo valorado en 1,51 millóns de euros que permitise á administración local afrontar as débedas pendentes contraídas con empresas e autónomos provedores e subministradores de servizos do concello.

“A amortización da débeda, executada polo goberno municipal en 2013, fai que manter o Plan de Saneamento vixente careza de obxecto algún”, explica o rexedor municipal, quen engade que se trata dunha iniciativa avalada polo informe favorable do Interventor municipal, e co beneplácito dos departamentos da Xunta de Galicia encargados da tutoría da situación económico-financeira do concello.

Vantaxes directas para os veciños
A cancelación do Plan de Saneamento, posible grazas á xestión do goberno municipal, que logrou amortizar a débeda contraída e rexistrar un remanente de tesouraría positivo por segundo ano consecutivo, traerá ademais unha serie de beneficios directos para os veciños, como a redución da carga impositiva.

REMANENTE DE TESOURARÍA PARA GASTOS XERAIS
ANOS EUROS
2007 -4.482.145,07
2008 -4.423.061,60
2009 -2.007.638,93
2010 -1.085.062,1
2011 -404.568,66
2012 1.995.684,70

Neste sentido, o rexedor municipal, Alberto Valverde, lembra que o Plan de Saneamento contemplaba unha subida de impostos de até un 4% durante a vixencia do plan, entre os anos 2009 e 2015. A cancelación do mesmo permitirá abrir unha vía para a redución dos impostos de face ao próximo exercicio, co obxectivo por parte do goberno municipal de reducir a carga aos valores de 2011.

A aprobación da proposta de Alcaldía permitirá ademais a apertura dunha liña de subvencións a asociacións veciñais, culturais e deportivas, así como a traballadores autónomos censados en Nigrán, que o goberno municipal pretende incluír no orzamento de 2014.

“Ademais da redución de impostos, a cancelación do Plan de Saneamento abrirá unha nova vía de subvención a colectivos fundamentais para a actividade municipal, ademais de fomentar a actividade empresarial e a creación de emprego a través de subvencións a autónomos para incentivar a contratación de veciños de Nigrán”, conclúe Valverde.