O goberno municipal propón rebaixar nun 50% a taxa por entrada de carruaxes en vivendas unifamiliares

O pleno da corporación aprobou o inicio da modificación do expediente da taxa para a entrada de carruaxes para vivendas unifamiliares. Segundo explicou o rexedor municipal, a taxa aplicable para algunhas vivendas unifamiliares viuse incrementada na ordenanza reguladora deste tributo, “cando o criterio da modificación da ordenanza era buscar a proporcionalidade e non un incremento da taxa, tal e como ocorre noutros conceptos, nos que si se produce unha redución da contía da taxa”, sinalou Valverde.

A proposta de modificación da ordenanza do goberno municipal está baseada na actualización do padrón de contribuíntes, que non se revisou en anos, o que permitiu 911 novos contribuíntes que até a data non abonaban ningunha taxa, aínda estando na obrigación de facelo. “Unha circunstancia irregular e un agravio para os veciños que si están ao día coas contribucións”, observou Valverde.

Criterio de proporcionalidade
O rexedor municipal insistiu na filosofía da modificación, baseada na proporcionalidade, establecendo como criterio o pago proporcional aos metros lineais de entrada. No caso de Nigrán, este sistema de medición fai que algunhas vivendas unifamiliares vexan un incremento na taxa a abonar, xa que se detectou que o tamaño medio dos portais en zonas urbanas do municipio é maior do habitual, “de aí a proposta deste goberno de rebaixar nun 50% a taxa para vivendas unifamiliares”, reitera.

Así mesmo, o rexedor municipal lembrou no debate que a ordenanza actualmente vixente, e cuxa modificación se propuxo na sesión plenaria de hoxe, está baseada nos mesmos criterios que as doutros municipios da zona, por exemplo Baiona, un texto exactamente igual ao de Nigrán, “por tanto, o que este goberno propón é a aplicación dunha taxa acorde á realidade actual de Nigrán”, observa Valverde.

A proposta do goberno municipal de reducir nun 50% a taxa de entrada de carruaxes para vivendas unifamiliares dá continuidade á filosofía do equipo dirixido por Alberto Valverde de non incrementar a presión fiscal sobre os veciños, coa conxelación de impostos de face ao próximo exercicio anunciada polo rexedor municipal o pasado mes de outubro.

“Recoñecemos que a actualización do padrón de contribuíntes e a aplicación do criterio de proporcionalidade –tributando por metros lineais da entrada á propiedade- xerou algúns casos nos que a vivenda unifamiliar ha sufrido un incremento na taxa, unha situación que queremos rectificar con esta proposta de modificación”, conclúe.