O goberno municipal proporá ao pleno da corporación unha rebaixa na taxa polo dereito de conexión á rede de saneamento, coa finalidade de facilitar aos veciños o acceso a un servizo básico, “unha taxa que na actualidade é demasiado elevada para a realización dun mero trámite administrativo como é o dereito de conexión á rede”, explica o alcalde, Alberto Valverde.
A formulación do goberno municipal é unificar a taxa da conexión á rede de abastecemento á de saneamento, establecendo os mesmos valores en ambas as cotas. “Inexplicablemente, mentres que polo abastecemento de auga cóbrase un importe fixo, para os dereitos de acometida de saneamento se tarifa por metros construídos, tanto en vivenda como en construcións auxiliares dentro da leira que solicita a conexión, o que non responde a ningunha lóxica e que supón o abono dunhas taxas elevadísimas para o contribuínte”, engade Valverde.
Coa proposta do goberno municipal, unha vivenda de entre 150 e 200 metros cadrados, que na actualidade abona entre 600 e 750 euros polo dereito de conexión, pasaría a abonar unha cota fixa de 399 euros, un aforro de até un 47% respecto do recolleito na ordenanza vixente.
O alcalde considera esta modificación imperativa para facilitar o acceso a este servizo aos veciños, especialmente tras o esforzo realizado no presente mandato para ampliar a rede de saneamento en diversos puntos do municipio, e que tamén busca reducir problemas de carácter ambiental ao reducir a existencia de pozos negros.