O goberno municipal finaliza as obras de mellora da seguridade viaria e peonil da Rúa Porto do Molle, nun tramo de 200 metros desde o parque empresarial cara ao interior da parroquia. O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e o tenente de alcalde, Alberto García Pazos, visitaron a actuación, “que ademais mellora a comunicación para o tráfico peonil, achegando a contorna natural e de esparexemento do Río Muiños aos veciños da parroquia de Parada”, apunta Valverde.
A obra consistiu na repavimentación asfáltica do firme no tramo sinalado, “que se atopaba nun estado precario”, a creación dunha senda peonil, a disposición dunha liña de iluminación pública, a instalación dun sistema de drenaxes para dar saída ás augas pluviais e a sinalización horizontal e vertical, “medidas dirixidas a implementar a seguridade para vehículos e peóns neste viario”, sinala o alcalde.
A actuación foi financiada a través de fondos procedentes das expropiacións do parque empresarial cun orzamento de execución material de 85.873,62 euros.