O goberno municipal levará ao pleno de febreiro o primeiro Plan de Bolsas Municipal

O goberno municipal proporá ao pleno da corporación a aprobación do primeiro Plan de Bolsas Municipal. Un programa de formación cunha dotación de 60.000 euros e seis bolsas para titulados, empadroados en Nigrán que se atopen en situación de desemprego, para realizar nas propias dependencias municipais, cunha duración de seis meses.

A proposta do goberno municipal está orientada a que os participantes adquiran calidades valoradas pola contorna empresarial, ao facilitarlles ferramentas que permitirán mellorar as súas habilidades profesionais, “unha oportunidade para veciños de Nigrán en situación de desemprego que poderán adquirir coñecementos e experiencia no concello”, apunta o alcalde, Alberto Valverde.

Deste xeito, a iniciativa do goberno municipal ofertará catro bolsas para titulados de ciclo medio de xestión administrativa –dous para a área de rexistro/arquivo, unha para o departamento de persoal e unha para o Centro Antena-; unha bolsa para titulados en ciclo superior en administración e finanzas para recadación; e unha bolsa de ciclo superior para animación socio-cultural, que desempeñará as súas funcións no CIM.