O goberno municipal levará a pleno unha rebaixa no recibo da taxa da nasura

O goberno municipal levará ao próximo pleno unha proposta de modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo, que afectaría a cinco dos seus artigos. O obxectivo do equipo de Valverde é evitar certos agravios comparativos e desigualdades nos importes das cotas da devandita ordenanza que se estaban rexistrando até a data, e que o alcalde define como “inxusta” pola estrutura da ordenanza e por non ter en conta certos factores, como o feito de que hai empresas que teñen obrigación de ter xestores autorizados para xestionar os seus residuos.

En primeiro lugar, e en sintonía coa formulación do goberno municipal de non gravar en exceso aos contribuíntes, a proposta contempla reducir o importe da cota anual actual das vivendas unifamiliares á aplicada en 2012. Deste xeito, a partir do próximo exercicio, no recibo do 2015, as vivendas pasarán a abonar 75,60 euros, un 3,5 % menos que na actualidade (78,25 euros).

Redución dun 40% do recibo
O segundo bloque de reformas afecta os talleres e industrias en xeral, así como a aqueles locais destinados a actividades sanitarias, nos que se expón unha redución da taxa dun 40%. Unha revisión do prezo motivada polo feito de que estes negocios xa teñen o imperativo legal de contratar cun xestor autorizado a eliminación de residuos xerados na súa actividade, “polo que era inxusto que paguen recibos tan importantes, así como que até a data ningunha corporación contemplase este tipo de aspectos na ordenanza”, explica o alcalde, Alberto Valverde.

Ampliación dos tramos
Outra modificación que inclúe a proposta do goberno local concierne a supermercados, tendas de alimentación, almacéns e locais comerciais, “na actualidade suxeitos a uns tramos con poucas escalas que xeran en moitos casos circunstancias de desigualdade, algúns moi importantes”, puntualiza o rexedor.

Na mesma liña que no capítulo anterior, antes un local comercial de 250 m2 pagaba 364,06 euros de lixo mentres que un mesmo local comercial de 252 m2 pagaba 1.157,39, igual que uno de, por exemplo, 1.000 m2. O mesmo sucede no caso dos supermercados, que cunha superficie de 300 m2 abonaba 1.396,47 euros, o mesmo que un gran supermercado que pode chegar a superar os 1.000 m2. “Estas son as situacións que pretendemos evitar ao aplicar novos tramos que permitan a actividades iguais con superficies similares pagar cantidades similares e que non existan tantas desigualdades”, sinala Valverde.

Por iso, o goberno municipal propón acometer unha ampliación dos tramos destes dous capítulos da ordenanza, engadindo tres novos intervalos dentro da escala da cota tributaria. Deste xeito, o abono deste recibo realizaríase en función das dimensións do establecemento, cos seguintes tramos adicionais: locais de entre 250 e 500 metros cadrados, de entre 500 e 1.000 metros cadrados e de máis de 1.000.

Deste xeito, o propietario dun supermercado que coa ordenanza actual tributa 1.396,47 euros por un local comercial de 255 metros cadrados, por exemplo, vería reducida a taxa até os 858,54 euros, 537,93 euros menos. No caso dos locais comerciais, un establecemento de 255 metros cadrados leva unha cota tributaria de 1.157,39 euros, que se reduciría a 546,09 euros coa proposta de modificación.

“Con estes axustes na ordenanza, a recadación anual pola taxa do lixo reducirase en 50.000 euros, unha contía dabondo compensada polos máis de 100.000 euros que o concello deixou de pagar en concepto de intereses e amortización de capital, grazas á amortización acometida por este goberno en 2014”, explica o alcalde, “o que confirma a proposta do grupo popular contida no orzamento abortado de 2014, que a redución da carga tributaria aos nosos veciños era posible”, conclúe Valverde.