O goberno municipal instala un sistema de AQS con placas solares no vestiario do campo de fútbol de Vilariño

O goberno municipal instala un sistema de produción de AQS (auga quente sanitaria) mediante enerxía solar térmica nos vestiarios do campo de fútbol de Vilariño. A actuación consistiu na instalación de 16 paneis solares na cuberta dos vestiarios desta instalación municipal, que servirán para quentar un depósito de 2.000 litros de auga.

“A implantación deste sistema rebaixará o consumo de gasoil e reducirá a emisión de gas de efecto invernadoiro, diminuíndo o custo de mantemento para as arcas municipais á vez que damos un paso máis no noso compromiso de coidar e protexer a nosa contorna ambiental”, sinala a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva.

A instalación deste sistema executouse a través dunha subvención outorgada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para proxectos de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables promovidos polos concellos, cofinanciada con fondos FEADER da UE, asumindo a administración autonómica o 91% do importe final da actuación, valorada en 21.677,90 euros.