O goberno municipal iniciará nos próximos días o acondicionamento da Rúa Areosa, tras as profundas fochas producidas polos temporais das últimas semanas e a virulencia do mar. Aproveitando esta actuación, o goberno presidido por Alberto Valverde solicitará autorización ao Servizo Provincial de Costas para converter este camiño, que discorre en primeira liña de praia de forma paralela ao areal de Patos, nunha senda peonil.
O proxecto de acondicionamento contemplará tamén a ampliación do camiño até a Rúa Caranquexo, o que permitirá comunicar os areais das Canas e Patos cunha senda peonil. Esta actuación non só unirá Patos co areal de Prado, senón que permitirá percorrer sen interrupcións toda a liña litoral do municipio, observou Valverde.
A actuación, que levará a cabo nos próximos meses, porá en valor o patrimonio natural do municipio, un dos principais atractivos de Nigrán, á vez que dará novo cumprimento a un dos compromisos adquiridos cos veciños as pasadas eleccións.