O goberno municipal inicia o expediente de contratación das obras de mellora da seguridade viaria da Rúa Rans, un proxecto elaborado pola enxeñeira municipal que será financiado na súa totalidade a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 268.336 euros. A contratación da obra realizarase a través dun procedemento de contratación aberto, polo que nos próximos días publicarase no BOP a licitación da obra para a presentación de ofertas.
O proxecto, cun período de execución estimado de seis meses, ten como obxectivo implementar a seguridade do viario, “cunha considerable afluencia, tanto de tráfico rodado como de peóns, especialmente na época estival, á vez que mellorar a estética dunha zona veciñal e turística do municipio”, lembra o alcalde, Alberto Valverde.
As obras complétanse coa reconstrución dunha rede de pluviais para a recollida das augas da choiva e coa instalación dunha nova rede de abastecemento de auga; a recolocación da rede de iluminación pública; a ampliación e mellora das beirarrúas; o asfaltado e repintado da calzada e a creación de 70 prazas de aparcadoiro en batería.
Con esta actuación, o goberno municipal resolve outra demanda histórica dos veciños da parroquia de San Pedro en particular e de Nigrán en xeral, “unha rúa que se atopa nun estado moi precario e de abandono, ignorada polos responsables políticos de anteriores mandatos e á que este goberno dá unha vez máis resposta”, conclúe Valverde.