O goberno municipal inicia as obras de acondicionamento e mellora dos vestiarios do campo de fútbol municipal Condomínguez, en Priegue. A actuación, valorada en 38.421,15 euros, permitirá mellorar as condicións hixiénico-sanitarias dunha das instalacións deportivas máis destacadas do municipio, “que é empregada por máis dun milleiro de persoas, os 80% nenos e nenas de Nigrán”, apunta o alcalde, Alberto Valverde.
O proxecto contempla o acondicionamento e posta a punto interior e exterior dos vestiarios, “unha actuación prioritaria para este goberno, ao tratarse dunha instalación municipal moi demandada polos nosos veciños e que tras anos de abandono atópase nun estado precario”, puntualiza Valverde.
Máis concretamente, a remodelación dos vestiarios consistirá na reposición dos acabados interiores (solados e alicatados), a renovación das instalacións de saneamento, electricidade e fontanaría, a reposición e ampliación da carpintaría exterior, a renovación do mobiliario, e o pintado interior e exterior. O rexedor avanza que as obras se executarán o máis rápido posible, “de forma que se xere o menor prexuízo posible aos usuarios destas instalacións”, engade.
Colaboración coa deputación
A esta actuación hai que engadir a subvención de 171.482 euros concedida pola Deputación de Pontevedra, cuxo expediente de licitación iniciarase esta semana, para acometer a renovación do céspede artificial do Condomínguez, moi deteriorado, e o sistema de rega, cuxo mal funcionamento ocasiona en ocasións puntuais perdas de auga.
O rexedor agradece unha vez máis o compromiso da Deputación de Pontevedra co municipio. “Entre as dúas administracións destinaremos máis de 200.000 euros a acometer a remodelación completa do campo de fútbol de Condomínguez, investimento que se suma aos 300.000 euros destinados ao campo de fútbol de Vilariño, resultado dun convenio de colaboración entre deputación e concello”, conclúe.